BNG urxe á Xunta do PP a mellorar o financiamento e servizos básicos que axuden a frear o despoboamento dos concellos

Óscar Insua
Óscar Insua

Óscar Insua reclama ao PP que escoite as recomendacións do Consello de Contas e faga un reparto financeiro que non discrimine os concellos 

O deputado Oscar Insua denunciou na Comisión 1ª a grave situación financeira dos concellos galegos e urxiu á Xunta a adoptar medidas inmediatas para garantir a súa viabilidade e que axuden a frear o despoboamento dos concellos. Neste senso, reclamou ao PP que escoite as recomendacións do Consello de Contas que indican a necesidade de facer un reparto financeiro que non discimine os concellos.

O BNG vén denunciando  hai tempo a crítica situación financeira que atravesan moitos concellos de Galicia. A día de hoxe, é imposible garantir a prestación de servizos básicos como a axuda no fogar ou a atención ás persoas dependentes. Entre os problemas máis críticos, Insua destacou a falta de financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou para as escolas infantís que non están na galega do Consorcio, servizos que teñen que asumir directamente os concellos, sen recibir apoio suficiente da Xunta.  

Para o BNG,  este problema non é novo, senón que se arrastra desde hai anos debido á falta de actualización do sistema de financiamento local, cuxa última reforma data de 2004. Durante 20 anos, nin o PP nin o PSOE foron quen de realizar a reforma necesaria para resolver a falta de autonomía financeira dos concellos, que continúan sen recursos suficientes para facer fronte aos seus compromisos e garantir o benestar das persoas.

O  PP non escoita o Consello de Contas

Oscar Insua criticou que, a pesar das graves advertencias do Consello de Contas sobre a escasa capacidade do Fondo de Cooperación Local (FCL) para garantir a suficiencia financeira dos concellos, o goberno de Rueda segue a aplicar medidas insuficientes e a discriminar os municipios, especialmente os que se atopan en risco demográfico.

É por iso que, na iniciativa, que foi rexeitada polo PP, o BNG reclamaba aumentar o Fondo Base de Cooperación Local para que os concellos teñan un financiamento incondicionado. Insua asegurou que este incremento do FCL reduciría o reparto “discrecional” e discrimitaorio que o PP fai a través das ordes de axudas e convenios.

O BNG pedía ademais modificar a lei para establecer os parámetros que determinen que un concello está en situación de reto demográfico. Na súa réplica, Insua aproveitou para recriminarlle ao PP a “desfachatez de elaborar en 2021 unha lei sobre o Impulso demográfico de Galiza sen ter definido que é un concello en situación de reto demográfico, tal e como observa o Consello de Contas, esperando que sexa o Estado quen o faga.

Engadiu que, co seu voto negativo, O PP está a considerar que o traballo do Consello de Contas “non vale para nada” e que está a tratar os conselleiros do ente, que eles mesmos propuxeron,  de “mentireiros” e de “falsarios”.

O deputado nacionalista rematou a súa intervención emprazando o PP a recoller os 4.000 millóns da quita da débeda galega conseguida polo BNG porque poderían servir para mellorar o financiamento dos servizos básicos dos concellos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG