BNG reclamou no pleno do Parlamento galego á Xunta desenvolva un novo Plan de Emprego para a Mocidade, dotado coas partidas orzamentarias necesarias para o desenvolvemento de programas e accións que favorezan a creación de emprego xuvenil estable -en condicións laborais dignas e con salarios que permitan a súa emancipación-, así como a posta en marcha dun plan de choque contra a emigración forzada da xente nova.
O Bloque fixo esta proposta ante un contexto no que, como subliñou o seu portavoz parlamentario de Mocidade, Paulo Ríos, “ser moza neste país significa saber que vas ter que optar ou pola precariedade ou o paro, ou pola emigración”. Nesta liña, Ríos recalcou que o mercado laboral xuvenil caracterízase en Galiza pola “precariedade e a temporalidade sen paliativos”, tal e como confirma o último informe do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.
Logo de lembrar que só 3 de cada 10 mozas e mozos menores de 30 anos lograron independizarse do fogar familiar, o deputado nacionalista lembrou que o propio informe do Observatorio apunta como causas desta situación “aos contratos temporais e precarios e á dificultade no acceso a unha vivenda digna debido ao incremento dos prezos dos alugueiros”, para engadir a continuación que Galiza é o sexto territorio onde máis mocidade ten que seguir vivindo na residencia familiar por non ter capacidade económica para poder iniciar un proxecto propio de vida.
Ríos recordou que durante o ano da pandemia destruíronse preto de 20.000 empregos entre as mozas e mozos de 16 a 29 anos, “onde só 2 de cada 10 recuperaron o posto de traballo perdido por mor da COVID” e que no pasado mes de marzo os contratos temporais asinados pola mocidade supuxeron o 87% do total. A estes datos engadiu que dende que goberna Núñez Feixóo “o noso país perdeu a metade das traballadoras menores de 35 anos, ao redor de 236.000 persoas”.
“Vivimos un feito histórico no país, pero para mal -recriminou-; actualmente as persoas maiores de 55 anos superan ás menores de 35 en ocupación e actividade”, polo que pediu á bancada do PP que “non fagan trampas e non se escuden en datos de crecemento de afiliacións que, en realidade, responden ás necesidades de contratación da hostalería durante a campaña de verán”, datos que cualificou de “esmola” porque “a mocidade galega non quere traballar 3 ou 4 meses ao ano con xornadas laborais de 10 e 12 horas mentres cotiza 4”. “Deixen de vendernos esa Galiza das Marabillas que, por desgraza para todas, só está na súa cabeza”, concluíu. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.