parlamento galego

BNG urxe á Sanidade acelerar a reparación da maquinaria de oncoloxía do CHOU

Noa Presas
Noa Presas

Mentres dure a reparación, Noa Presas exixe á Xunta de Galiza que sufrague os gastos de desprazamentos, habitacionais e de manutención das persoas doentes desprazadas e dunha acompañante

A deputada do BNG por Ourense demanda habilitar os reforzos materiais e de cadros de persoal precisos para corrixir as listas de agarda, realizando as contratacións que sexan oportunas e recuperando o tempo de dilación

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, vén de rexistrar iniciativas no Parlamento de Galiza para que a Consellería de Sanidade acelere as actuacións para o arranxo da totalidade da maquinaria e servizos da área oncolóxica do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), así como habilitar reforzos materiais e de persoal para corrixir as listas de agarda. Alén do máis, Presas demanda que o Goberno galego sufrague os custos de desprazamento, habitacionais e de manutención das persoas doentes e unha persoa acompañante que deben desprazarse por mor da avaría.

A finais de xuño, os medios de comunicación facíanse eco da situación de, cando menos, 15 doentes oncolóxicos do Complexo Hospitalario de Ourense que tiñan que desprazarse forzosamente até Vigo para recibir  o seu tratamento. Este traslado obrigado obedece a unha avaría dun TAC intraoperatorio, unha ferramenta chave para o tratamento de doenzas como hernias discais, escoliose ou fracturas vertebrais, entre outras. A avaría, segundo os medios, remóntase a hai máis de seis meses polo que o BNG exixe “transparencia e concreción” sobre este asunto xa que “estaríamos a falar dunha situación que non é sobrevida”.

A pesar de que os servizos centrais do SERGAS sinalan que estaría xa en marcha o proceso de substitución da máquina “está claro que a situación non está a ser xestionada axilmente” polo que a frente nacionalista demanda “acelerar as actuacións necesarias que garantan o funcionamento adecuado da totalidade da maquinaria e servizos da área de oncoloxía médica”. Así mesmo, Presas urxe á Sanidade a habilitar os reforzos materiais e de cadros de persoal precisos para corrixir as listas de agarda, realizando as contratacións que sexan oportunas e recuperando o tempo de dilación.

“As propias persoas que se deben de desprazar até Vigo aseguran que deben asumir as cargas económicas do traslado até a cidade viguesa. Esta situación é intolerábel” denuncia a deputada do BNG no Congreso. Segundo explica Presas, o SERGAS debe encargarse de sufragar os gastos, tanto da persoa doente como a dunha acompañante, de desprazamento, habitacionais e de manutención.

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, lembra que a situación de desatención dos servizos de radiodiagnóstico no CHUO “non son novas”: en 2019, por exemplo, a organización nacionalista tivo que denunciar, en reiteradas ocasións, a paralización dunha máquina até que a Xunta de Galiza cedeu e incorporou novos materiais. Na mesma tónica por parte do goberno galego, engade Presas, ante as reiteradas queixas e demandas no Hospital de Valdeorras ou a falta de persoal no CHUS e as demoras nas áreas de Santiago e do Barbanza.

“O Partido Popular vén recortando un piar fundamental como a sanidade pública, singularmente a Atención Primaria, provocando graves consecuencias e repercusións tamén nos servizos hospitalarios incluso en áreas tan sensíbeis como a oncolóxica” finda Noa Presas. Ante esta situación, a deputada do BNG urxe reverter esta actuación e habilitar os reforzos materiais e de cadros de persoal precisos para corrixir as listas de agarda, realizando as contratacións que sexan oportunas e mesmo recuperando o tempo de dilación.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG