BNG urxe rectificar a política de desmantelamento das oficinas da Axencia Tributaria na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda garantir o servizo de atención ao público nos centros administrativos da AEAT situados na Galiza e recuperar, cando menos, o número de persoas traballadoras existentes no ano 2000

A organización nacionalista defende aumentar as competencias e funcións da ATRIGA

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas para frear o desmantelamento dos centros da Axencia Tributaria na Galiza e garantir o servizo de atención ao público. A formación nacionalista reclama recuperar para estes centros, cando menos, o número de traballadores e traballadoras existentes no ano 2000. Así mesmo, Rego urxe adoptar as actuacións necesarias para evitar a perda de emprego público e o deterioro dos servizos polo desmantelamento encuberto dos distintos centros administrativos.

O recorte de persoal público aplicado en 2009 co gallo da crise financeira e a implantación acelerada e obrigatoria do proceso de dixitalización están reducindo e empeorando a calidade dos servizos públicos que presta a Administración do Estado na Galiza. Reduciron o número de oficinas, número de traballadores e traballadoras, así como as opcións de atención presencial, e todo iso agravouse aínda máis polo contexto derivado da COVID-19. As oficinas da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) na Galiza son un dos exemplos máis visíbeis que están a denunciar tanto as usuarias como organizacións sindicais maioritarias no País como a CIG.

A AEAT encárgase de xestionar o sistema tributario e aduaneiro, así como daqueles recursos doutras entidades públicas e administracións que se encomendan a través de leis ou convenios. Para estas diversas tarefas e servizos- como a inspección, xestión e recadación- as oficinas instaladas na Galiza están vendo reducido o número de persoal que presta esta cobertura de maneira presencial.

“É necesario garantir a atención presencial ás e aos usuarios posto que moitos dos asuntos que se tratan son dunha gran responsabilidade e complexidade e precisas asesoramento persoal” explica o deputado nacionalista. Por este motivo, demanda ao Goberno do Estado e, concretamente, ao Ministerio de Facenda e Función Pública que se recuperen a totalidade de centros administrativos na Galiza e todo o persoal que prestaba estes servizos de maneira presencial no ano 2000.

Rego lembra que o BNG vén denunciando desde hai anos estes recortes e deficiencias no servizo que “evidencian a intencionalidade do executivo de reducir progresivamente o servizo público que prestan as oficinas da AEAT”. De 300 prazas existentes na Galiza no ano 2000, na actualidade a cifra redúcese até os 170 empregados e empregadas. “Situación que afecta especialmente aos centros distribuídos  territorialmente, emprazados en cabeceiras de comarca. Por exemplo, o situado no Carballiño, que contaba con 40 persoas traballando no ano 2000, no ano 2021 ten só 11” denuncia o deputado do BNG.

Como resultado deste desmantelamento, os centros administrativos distribuídos  territorialmente na Galiza están a perder a súa funcionalidade e a falta de recursos materiais e, sobre todo, humanos, o que dificulta e impide unha adecuada atención ao público. “Esta práctica constatada de non cubrir as prazas vacantes ou de proceder directamente á súa amortización, implica en primeiro lugar unha perda de postos de traballo necesarios, mais tamén supón graves consecuencias para o público que perde posibilidades de realizar determinados servizos nunha oficina próxima” enfatiza Rego.

Para a organización nacionalista resulta imprescindíbel pór freo a unha estratexia encuberta de baleirado destes servizos que supón un grave prexuízo á poboación, especialmente á de maior idade e á que vive no rural e non ten uns servizos adecuados de transporte, que se ve abocada, cada vez máis, a contratar servizos de asesoría privada e incorrer en gastos económicos para operacións comúns, por non ter un servizo público adecuado e próximo.

Defensa dunha Administración Tributaria Galega

A día de hoxe, Galiza atópase dentro das comunidades de réxime común do Estado, e correspóndelle á AEAT a recadación de boa parte dos impostos dos galegos e galegas, xestión que debera realizarse desde a administración galega, porén, “a falta de vontade política por parte da Xunta de Galiza do Partido Popular de desenvolver unha facenda galega dificulta o aumento de competencias da ATRIGA (Administración Tributaria Galega)” destaca o deputado nacionalista. Por este motivo, o BNG seguirá a demandar que se avance na dotación de competencias e funcións exercidas pola ATRIGA, e permitir así a xestión desde a propia Administración galega tamén do servizo e xestión tributaria.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG