O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a mellora dos servizos ferroviarios na comarca da Mariña, a través da modernización do trazado entre Ferrol e A Coruña e a construción do by-pass. Así mesmo, a frente nacionalista propón recuperar os apeadeiros abandonados –como o de Guísamo ou o de San Pantaleón- e aumentar as frecuencias. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reitera a necesidade de implantar os servizos de cercanías ferroviarias na liña A Coruña-Ferrol co obxectivo de dar un servizo de calidade á comarca das Mariñas, en detrimento do vehículo privado.
Durante viaxe entre A Coruña e Ferrol polos camiños de ferro, aínda a día de hoxe, o maquinista ten que cambiar de cabina na estación de Betanzos-Infesta para inverter o sentido da marcha o que provoca un retraso na hora de chegada. A obrigatoriedade de realizar un transbordo na estación de Betanzos-Infesta en servizos como o que sae de Ferrol ás 8.40h eleva o atraso até os corenta minutos, situación que non axuda a promocionar o uso do transporte ferroviario nas comarcas de Ferrol, As Mariñas ou A Coruña. Tampouco facilita o uso a falta de persoal que informe nos accesos ou que revisen os billetes.
“É necesario acelerar os traballos para acometer unha obra imprescindíbel na comarca e que solucionarían a necesidade de inverter a marcha na estación de Infesta, como é o by-pass de Betanzos” sinala o deputado do BNG no Congreso. Rego lembra que esta é "unha obra demandada durante décadas e que permitiría a mellora da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol”.
A candidata do BNG á alcaldía de Betanzos recorda que nos orzamentos para 2021 contemplábase 120 mil euros para esta actuación mais o Goberno do Estado decidiu non executala. “Para 2022 recollían 170 mil euros mais tampouco se chegaron a executar. Na proposta para 2023 a partida é de 28 mil euros, absolutamente insuficientes para unha actuación que custaría un total de entre 20 e 40 millóns de euros en segundo os estudos” recrimina Sánchez. En todos estes proxectos de orzamentos, destaca a candidata á alcaldía polo BNG, a frente nacionalsita rexistrou emendas para aumentar o investimento para permitir acometer as obras de maneira máis áxil “mais os partidos que conforman o Goberno do Estado votaron en contra”.
Así mesmo, a organización nacionalista indica a necesidade de acometer unha modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e unha dobre vía. “Tamén se deben mellorar os accesos e aumentar os puntos de cruzamento que permitiría pór en marcha un sistema de frecuencias intensivo para as proximidades ferroviarias” reivindica o deputado do BNG no Congreso.
“É preciso restituír os apeadeiros abandonados como o de Guísamo, en Bergondo, ou o de San Pantaleón, en Paderne, e a apertura de estacións en Betanzos e Miño para dar cobertura aos principais núcleos de poboación” defende Rego. Tamén sería fácil a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto nas súas proximidades que “promovesen o uso do transporte ferroviario, colectivo e sustentábel, en detrimento do vehículo privado”.
Para o BNG, o tren entre Ferrol e A Coruña, que pasa por moitos dos municipios das Mariñas, “podería habilitarse perfectamente como tren de proximidade de forma inmediata para o que só faría falta aumentar as frecuencias, os horarios, o persoal e unha política tarifaria adecuada, á vez que se realizan as melloras nas infraestruturas que permitan un adecuado servizo de proximidade ferroviario”.