O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas lamentou que, unha vez máis, o Partido popular “deixe na estacada” ás persoas produtoras de agrogandaría ecolóxica ao negar as axudas solicitadas polo que reclamou “completar con 5,6 M€ con fondos propios a partida das axudas.”
O deputado acusou a Medio Rural de “torpeza e mala intención” por non prever a afluencia de solicitudes para a partida destinada na orde de axudas convocada. Para o deputado, resulta unha “burla” a decisión da consellaría que, a pesar de seren advertida polo Presidente do CRAEGA que as hectáreas dadas de alta superaban as 12.000 o propio conselleiro respondera que existían fondos suficientes cando en realidade, dixo o nacionalista, constatamos que non é a si e que moitas solicitudes “quedan fóra das axudas”.
O deputado explicou que Medio Rural só orzamentou 3,18 M€ cando son necesarios 5,6M€ polo tanto, quedan fóra das axudas o “43% das hectáreas solicitadas”. Por outra banda, lembrou que existe un gran número de explotacións que para entraren en ecolóxico renunciaron, porque son incompatibles, ás axudas agroambientais que viñan cobrando en convencional e agora van quedar “sen unhas nin outras”
As explotacións tiveron gastos ao pagar a entidades por asesoramento entre 1.200 a 1.400 euros, cuotas de inscrición no CRAEGA , 450 euros, ao que sumou os gastos en incidencias dunha granxa pequena para poder acceder a ecolóxico, ademais de outros investimentos maiores.
O nacionalista explicou que, “a diferencia entre un 1kg de penso en convencional a ecolóxico son 0.15céntimos, se un animal consume 1T de penso ao ano, só hai que botar contas co número de animais de cada granxa para ver en canto pode reflectir esta suba” ao que engadiu a baixada de produción durante os primeiros anos.
Ao seu xuízo, non ten xustificación algunha “esta agresión” a un sector con moito futuro pero necesitado de apoios e promoción. O proceder da Consellería de Medio Rural constata que “non é consciente desta realidade”.
O deputado do BNG pediu a Medio Rural que asuma a súa responsabilidade porque “cometeu un erro de previsión” altamente prexudicial para agricultores e gandeiros e debe reparar este dano con todas as consecuencias.
Tras a votación na que o PP rexeitou a proposta do BNG, Xosé Luís Rivas lamentou que o Partido popular persista na senda de seguir prexudicando a todas esas persoas produtoras en ecolóxico que se ariscaron a iniciar un novo modelo e que con toda seguridade “pasarán un Nadal con moitas dificultades” tras a decisión de non aceptar as solicitudes para acceder as axudas.