A deputada do BNG, Montse Valcárcel, reclamou á Xunta de Rueda tomar medidas urxentes para controlar a praga da rata toupa, que volve ser un problema de gran magnitude no sur e leste de Lugo, afectando máis de 8.000 hectáreas de terreos agrarios.
Montse Valcárcel crititou que a Xunta puxo en marcha o pasado 2023 unha orde de axudas “mísera” que non satisfixo as expectativas das persoas afectadas, xa que os pagamentos reais, de apenas 93 €/ha dos 300 anunciados, non foron suficientes para paliar os danos causados pola praga. A deputada tamén cuestionou a solución proposta pola Xunta, que “se limita á colocación de trampas, un método pouco eficaz para o control real da poboación de ratas toupa”.
Neste sentido, a deputada do BNG subliñou a importancia de seguir avanzando nas investigacións que se están realizando no campus de Lugo da USC, onde se descubriu que a loita biolóxica utilizando produtos naturais pode ser unha solución eficaz. “Estes produtos, baseados en substancias que imitan os sinais de predadores, axudan a reducir a capacidade reprodutiva da rata toupa, sendo un paso importante para o control desta praga”, apuntou.
"A Xunta debe apoiar estas investigacións e destinar máis recursos para a loita contra a praga, así como establecer liñas de axuda axeitadas que compensen aos gandeiros por as perdas sufridas nos últimos anos", indicou Valcárcel. A iniciativa do BNG —na que se propuña que a Xunta estableza as medidas necesarias para o control efectivo da praga da rata toupa e que abra unha liña de axuda para o 2025 que cubra as perdas xeradas nos terreos agrarios afectados— foi rexeitada polo PP.
A rata toupa é un roedor autóctono das zonas de montaña que se converteu en praga en Galiza hai máis de 15 anos, cando se detectaron os primeiros casos en 2009. A súa expansión provocou danos severos nas explotacións gandeiras, especialmente nos concellos das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, onde os danos afectan tanto á calidade dos prados como á produción de silo, que se ve contaminado con terra e impurezas, obrigando os gandeiros a comprar forraxes de outras zonas e aumentando os custos de produción.