Parlamento Galego

BNG insta á Xunta a reclamar ao Estado a suba do salario mínimo interprofesional até os 1.320 euros mensuais en 2025

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández defende que o SMI non tribute no IRPF e a consideración de inabsorbibles dos complementos salariais percibidos con anterioridade 

O portavoz parlamentario de Emprego, Mon Fernández, defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para instar á Xunta a demandar do Goberno estatal que cumpra coas recomendacións da Carta Social Europea sobre a contía do Salario Mínimo Interprofesional (SIM) e o suba a 1.320 euros para este ano 2025.

Ademais, defendeu que o Goberno galego reclame tamén ao Executivo central que introduza os cambios normativos necesarios para que o SIM non tribute polo IRPF e que modifique o Estatuto dos Traballadores para considerar “inabsorbíbeis” polo Salario Mínimo Interprofesional aqueles complementos salariais que se viñesen percibindo con anterioridade.

Fernández indicou que, na contra do relato do PP e tal e como demostran todos os datos macroeconómicos, a suba do salario mínimo coinciden cos menores índices de paro e coas subas tanto do PIB como da produtividade, converténdose nun dos factores chave do aumento do consumo privado.

“Os datos macroeconómicos desmenten o discurso do Partido Popular sobre a suba do Salario Mínimo Interprofesional, que parece estar sendo importante precisamente para a boa marcha da economía en xeral, e o feito de que a Carta Social Europea marque unha porcentaxe do salario medio sen máis condicións desmente tamén o discurso e os argumentos do PP que, coma sempre, ten máis de ideolóxico que doutra cousa”, afondou na comisión parlamentaria de Economía.  

Logo de criticar aos populares o seu modelo económico, “máis propio da ditadura que doutros tempos”, asentado sobre o trinomio “celulosas, turismo e salarios baixos”, en clara referencia á bomba ambiental de Altri, o deputado nacionalista puxo o foco na necesidade de dar cumprimento ás recomendacións da Carta Social Europea de subir o SIM até o 60% o salario mínimo, é dicir, até os 1.320 euros mensuais.

A esta proposta principal, engadiu dúas máis que considerou tamén de especial relevancia para que a suba do salario mínimo “non perda polo camiño a súa finalidade nin se dilúan os seus efectos”.

A primeira, que os complementos retributivos que perciben os traballadores e traballadoras antes da suba do SIM deben considerarse “inabsorbíbeis”, dado que, na actualidade, á hora de aplicar a suba do salario mínimo, en cada caso concreto, dita suba “para moitas persoas non existe” porque, explicou, os reais decretos que aproban o SMI establecen como norma que todos os complementos salariais sexan absorbibles.

Ademais, advertiu, que a xurisprudencia posterior sobre o que se considera complemento salarial ou extrasalarial, sobre cando estes complementos responden a retribución do tempo de traballo ou cando responden a retribución de tarefas ou condicións particulares da persoa traballadora, “está virando nos últimos tempos cara a interpretacións que favorecen a absorción de todos os complementos, como, por exemplo, o complemento da antigüidade, entre outros, que resultarían máis que discutibles”.

E, en segundo lugar, apelou á necesidade de reverter a tributación do SIM, a gran novidade deste ano por parte dun Goberno estatal que chama á pedagoxía fiscal con esta medida cando, na realidade, “non é máis que demagoxia fiscal”, recalcou.

Fernández reafirmou o compromiso do BNG cun sistema fiscal verdadeiramente xusto, progresivo e redistributivo, polo que apelou a ponderar moi ben “até que punto gravar as rendas do traballo nos seus niveis máis baixos”.

Neste sentido, advertiu que, aínda que as rendas máis baixas quedaran exentas de tributar polo IRPF, non quere dicir que non estean tributando e contribuíndo fiscalmente, xa que o fan día a día a través dos impostos indirectos que gravan o consumo.

“Unha persoa cun salario baixo gasta o 100% do seu salario todos os meses e, polo tanto, o 100% da súa renda está sometida a gravar, o que non acontece coas rendas altas, que poden aforrar todos os meses e, en consecuencia, conservan unha porcentaxe da súa renda evitando os impostos ao consumo”, explicou.

Por iso considerou importante, “para facer verdadeira pedagoxía fiscal e non demagoxia fiscal”, aclarar que as rendas baixas, aínda quedando exentas do IRPF, non significa que non vaian a contribuír a soster o gasto e os servizos públicos. “Iso é radicalmente mentir”, concluíu. Finalmente, a iniciativa do BNG foi rexeitada polo voto en contra do PP. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG