Ana Pontón recorda que Galiza é terra de acollida e lamenta que Rueda utilice os menores migrantes como arma partidista

Ana Pontón
Ana Pontón
Critica ao titular da Xunta que importe o “argumentario da extrema dereita racista” na vez de estar á altura dunha sociedade que é solidaria

A portavoz nacional, Ana Pontón, recordou desde A Pobra do Caramiñal que “Galiza é terra de acollida” e lamentou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, utilice os menores migrantes como “arma patidista”, importando o “argumentario da extrema dereita racista”.

En resposta aos medios no acto de apoio do BNG á mobilización do próximo sábado na Pobra do Caramiñal contra a instalación de Altri en Galiza, Pontón indicou sobre a distribución de menores migrantes entre comunidades aprobada polo Goberno central que “ser solidarias coas persoas que máis o necesitan é unha responsabilidade ética e moral”.

Posición do BNG que contrapuxo á do PP de Alfonso Rueda, ao que criticou que utilice unha cuestión tan sensible para facer dela unha nova arma partidista. “O presidente da Xunta, en vez de utilizar isto como un novo pim-pam-pum, o que debería é estar á altura dunha sociedade como a galega, que é unha sociedade que tamén quere ser solidaria porque sabemos o que é emigrar”, afirmou.

Neste sentido, recordou que se ben os galegos e as galegas non teñen agora a obriga de marchar a outro lugar a causa dunha guerra, si o fixeron historicamente, e seguen a ter que facelo, por cuestións fundamentalmente económicas e por falta de oportunidades, o que reforzou o seu carácter solidario. 

Por iso, mostrou a súa preocupación sobre o feito de que “se queira facer deste tema un tema de debate que, no fondo, trae aquí o argumentario da extrema dereita racista” cando en Galiza “somos un pobo de emigrantes e sabemos o importante que é que nos acollan”, recalcou.

A líder nacionalista lembrou que estamos falando de menores que “nestes momentos están nunhas condicións que non son dignas” e emprazou ao Executivo do PP a poñer e reclamar máis medios para poder darlles a atención e a axuda que precisan. 

“Creo que o Goberno galego non debería utilizar estes menores como unha parte dese pim-pam-pum no que queren converter a política e debería estar á altura poñendo e reclamando os recursos que sexan necesarios, pero desde logo, non abrazando ese discurso e que se pode ver de fondo que quere utilizalos como un arma partidista”, afondou. “Paréceme terrible”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG