Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Non imos permitir que un proxecto altamente contaminante como Altri reciba fondos europeos”

Concentración Altri Non en Bruxelas
Concentración Altri Non en Bruxelas

Nunha concentración convocada polo BNG na entrada do Parlamento Europeo subliñouse “Altri Non”

No corazón de Bruxelas, á entrada do Parlamento Europeo, hoxe berrouse “Altri Non”, nunha concentración convocada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quen destacou que o BNG non vai permitir que un proxecto altamente contaminante como Altri reciba fondos europeos para contaminar a nosa terra, o noso mar e o noso ar”.

“Non imos permitir que nos enganen. Os galegos temos que ser respectados e non poden facerse proxectos altamente contaminantes que se venden como se fosen proxectos verdes”, defendeu a eurodeputada galega, para quen os cartos que Altri quere recibir son imprescindibles para recuperar o río Ulla, apoiar as pequenas e medianas empresas que están nese territorio, potenciar o emprego, recuperar a ría de Arousa e apoiar a xente do mar.

Precisamente sobre a contaminación da macrocelulosa proxectada por Greenfiber en Palas de Rei Ana Miranda vén de presentar unha pregunta dirixida á Comisión Europea para a súa resposta escrita. Neste documento, a eurodeputada galega pregunta se a Declaración de Impacto Ambiental que acaba de recibir o proxecto é compatible coa correcta aplicación da Directiva de Hábitats, posto que Altri tería un gran impacto ambiental sobre tres especies de flora en perigo de extinción e sobre o río Ulla, o embalse de Portodemouros e a ría de Arousa.

Ofensiva nas institucións europeas

A eurodeputada galega está desenvolvendo unha intensa ofensiva contra este proxecto nas institucións europeas. Así, xa presentou varias preguntas dirixidas á Comisión Europea e solicitou en reiteradas ocasións unha reunión á vicepresidenta para unha Transición Xusta, Teresa Ribera, no obxectivo de coñeza de primeira man os argumentos contrarios á instalación de Altri en Galiza.

Esta ofensiva en Bruxelas comezou en abril de 2024 cun encontro celebrado na Comisión Europea entre unha delegación galega e representantes da CE, en concreto do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e a Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental. Nese encontro, os representantes da CE confirmaron que non foi presentada ningunha solicitude oficial por parte do Estado español e que en caso de que se introducira un proxecto destas características debería cumprir con todos os principios e esixencias de transparencia e tamén esixencias medioambientais e de conflito de intereses que ten un proxecto destas características.

A ofensiva nas institucións europeas continuou con diversas intervencións nas sucesivas sesións plenarias así como coa loita do BNG para que a denuncia presentada polos colectivos opositores a Altri sexa debatida na Comisión de Peticións da Eurocámara, posibilidade que foi boicoteada polos deputados da dereita e a extrema dereita.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG