O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno incorporar á normativa do Estado a exixencia de que se atenda ao custo económico asociado aos permisos de coidado, tal e como recolle a directiva europea sobre a conciliación da vida familiar e a vida profesional. O deputado nacionalista, Néstor Rego, sinala que o Estado debe blindar e estender a protección do permiso de lactación acumulado e abordar a extensión do permiso para as crianzas adoptadas ou acollidas, así como a extensión da prestación por nacemento ou coidado de forma inmediata até as 20 semanas -como ficou recollido no Acordo de Investidura- na perspectiva de o ir aumentando até os 12 meses para cada proxenitor e duplicar o permiso para as familias monoparentais.
En menos dunha semana remata o prazo para a transposición da parte restante da Directiva (UE) 2019/1158 do Parlamento Europeo e o Consello relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional de proxenitores e coidadores, a que corresponde á remuneración dos permisos parentais de oito semanas para atención a fillos e fillas até os oito anos. A pesar disto, o Goberno do Estado aínda non incorporou á normativa estatal esta transposición.
“Cando se aprobaron os permisos, tanto o BNG como a CIG advertiron que era preciso abordar tamén a incorporación á normativa estatal da súa remuneración, porén esta segue retrasándose, a pesar de que a transposición é obrigatoria” lembrou o deputado do BNG no Congreso. Na opinión do deputado nacionalista, non se entenden as razóns de seguir postergando esta incorporación na lexislación estatal que é de obrigado cumprimento “e, se non se fixer, dará lugar a sancións por parte da Unión Europea”.
A Unión Europea exixe que se atenda o custo económico asociado aos permisos de coidados, incluíndo este permiso parental que, ademais ten que ser un permiso diferenciado dos vinculados ao nacemento. “No Real Decreto Lei non se avanza realmente en materia de conciliación pois a única modificación que se introduce é a respecto da lactación. Mais o que debe facer o Goberno é blindar e estender a protección do permiso de lactación acumulado para cada persoa proxenitora concretando a duración nos 28 días, unha cuestión que fora anunciada polo Ministerio pero que non apareceu concretada” reclama Néstor Rego.
Ademais, continúa o deputado do BNG, o Goberno do Estado tampouco recolleu a posibilidade de as familias monoparentais a poderen gozar da lactación correspondente á outra persoa proxenitora, mantendo esta discriminación para as crianzas cunha soa persoa proxenitora, no tempo de coidado retribuído.
“Fica pendente tamén a extensión da prestación por nacemento e coidado de forma inmediata até as 20 semanas, tal e como ficou recollido no Acordo de Investidura, na perspectiva de o ir aumentado até os 12 meses para cada persoa proxenitora ou a ampliación ao dobre para as familias monoparentais, porque senón as crianzas cun só proxenitor ou proxenitora seguirán véndose discriminadas” subliña Rego. Así mesmo, débese abordar a extensión deste permiso para as crianzas adoptadas ou acollidas que superen os nove meses. “Mantense o texto que deu lugar a malas interpretacións e á vulneración de dereitos cando o persoal opta por reducir a xornada en media hora” lembra.