Congreso

BNG urxe o Goberno a destinar novas embarcacións ao Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Ante os buques obsoletos, inútiles e mesmo perigosos para as persoas que a diario prestan os seus servizos, Néstor Rego reclama a entrega de novas embarcacións

“Que previsións de destino ten as oito embarcacións encargadas? Terá en conta as necesidades do SVA na Galiza e máis concretamente en Muros e Ribadeo?” pregunta

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno atenda as necesidades do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza. Concretamente, que facilite novos medios para que as traballadores e traballadoras poidan realizar o seu labor de maneira segura e efectiva con novas embarcacións, sobre todo nas bases de Muros e Ribadeo. A frente nacionalista ten coñecemento do encargo do executivo español de oito embarcacións e quere saber se algunha desta será destinada á Galiza.

Cabe lembrar que a Galiza dispón de seis bases marítimas das que dúas delas realizan funcións desde hai anos con embarcacións “totalmente obsoletas, inútiles e mesmo perigosas”.

Por exemplo, en Muros atópase a embarcación de nome V.A II, que entrou en operatividade en 1985 cunha vida útil de 15 anos mais, a día de hoxe, “continúase operando con ela, cunha antigüidade de 39 anos”, denuncia o deputado do BNG no Congreso. Na base marítima de Ribadeo está asignada a embarcación Alcaraván II, do ano 1984, cuxa zona de navegación é A Mariña lucense e costa Asturiana. Segundo a súa documentación, terminou a súa vida útil no ano 2000, pero hoxe en día segue navegando co perigo que isto leva para as súas tripulacións e a inoperatividade para as súas funcións.

“Á parte da súa inutilidade como embarcacións para a loita contra o narcotráfico na mar, é un verdadeiro perigo para as súas tripulacións debido ás constantes avarías nos seus motores e demais problemas” lamenta Néstor Rego. En opinión do deputado nacionalista, o Goberno debe comprometerse a substituír estas embarcacións e atender as necesidades do Servizo de Vixilancia Aduaneira. No concreto, ter en conta para as previsións, as necesidades das bases como Muros e Ribadeo.

A organización nacionalista, de facto, ten coñecemento de que o departamento de Aduanas ten encargado ao Grupo Rodman oito embarcacións de alta velocidade e que a primeira delas xa foi entregada sendo o sur do Estado español o destinatario. “Algunha desas embarcacións encargadas pode destinarse a renovar a frota do Servizo na Galiza e, no caso de non asignar ningunha, debe ser unha das prioridades do Goberno encargar novas embarcacións” sentenza Rego.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG