Parlamento Galego

BNG urxe ao PP a analizar as causas da perda de produtividade das rías e reclama medidas para facerlle fronte

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez advirte que en 2024 se venderon 24 mil toneladas menos de peixe nas lonxas, o que supuxo perdas de 30 millóns de euros na facturación

“Son cifras dunha desfeita da que o sector leva anos avisando; xa non serven os remendos nin os parches, hai que poñer cartos enriba da mesa”

O BNG urxe ao PP a que se analicen as causas da perda de produtividade das rías galegas e reclama medidas e orzamentos para afrontala. Faino a través dunha iniciativa na que a deputada Rosana Pérez lle pon prazo de un mes á Consellería do Mar para que reúna unha comisión de estudo coas “mellores cabezas pensantes” das universidades e dos centros de investigación galegos na materia para que, xunto co sector, analicen os porqués desta situación.

E é que os datos que se deron a coñecer a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca da propia Consellería reflicten unha baixada de 24 mil toneladas na venda de peixe nas lonxas galegas o pasado ano con respecto ao 2023, o que supuxo 30 millóns de euros menos de facturación, un 7,5% inferior. Ademais, reducíronse 222 permisos de marisqueo, un 6,3 % menos.

A responsable de Pesca do BNG empraza ao Executivo de Rueda a actuar con medidas que enfronten esta situación: “A Xunta ten que saber que xa non é tempo de remendos e de política de parches e que ten que poñer os cartos necesarios enriba da mesa para enfrontar o problema en toda a súa gravidade”.

A deputada Rosana Pérez tira de datos oficiais da Consellería  para constatar o “seu propio fracaso e a súa propia irresponsabilidade en materia de pesca e marisqueo, onde ten competencias exclusivas que hai moito tempo que non exerce”, afirmou.

“Son as cifras dunha desfeita da que o sector xa vén advertindo dende hai máis dunha década, máis de dez anos sen que o Goberno galego actúe e poña os medios para potenciar un sector que é case o único oxíxeno económico de moitas comarcas do País”, recalcou.

Por outra banda, Fernández advirte que o “afundimento do marisqueo” está a “abrir as portas de par en par ao produto foráneo, que se está a apoderar do mercado e que non sempre entra en Galiza por vías legais”.

Na iniciativa, o BNG demanda en concreto que se cumpra o acordo acadado por unanimidade no Parlamento o pasado 28 de maio e se constitúa no prazo dun mes a comisión de expertos. A partir de aí, o Bloque propón a elaboración dunha relación de actuacións máis urxentes a levar a cabo segundo as propostas desa comisión de estudo, así como habilitar as partidas orzamentarias necesarias para executalas de inmediato. Así mesmo, pide vincular as actuacións máis custosas e complexas a un compromiso orzamentario para cando menos os vindeiro cinco anos.

Diante da dramática situación que están a vivir os traballadores do mar pola falta de produtividade das rías galegas, Rosana Pérez fai un chamamento ao sector para que “se plante diante da inacción da Consellería e se faga valer como o que é un verdadeiro motor económico-social deste País”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG