parlamento galego

BNG urxe unha “actitude firme e proactiva” da Xunta en defensa da actividade e o emprego de Celsa Atlantic Laracha

Daniel Pérez
Daniel Pérez

O deputado Daniel Pérez advirte do “escenario de gran incerteza” no que se atopa a factoría e o seu persoal logo do fallo dun xulgado de Barcelona

Demanda ao Goberno galego que reciba de inmediato aos traballadores e deseñe unha actuación coordinada coas administracións locais afectadas

O deputado do BNG Daniel Pérez demandou hoxe ao Goberno galego unha actitude “firme e proactiva” en defensa da actividade e do emprego da factoría Celsa Atlántica Laracha, que se atopa nun “escenario de gran incerteza” logo da sentenza ditada por un Xulgado do Mercantil nº 2 de Barcelona que lle da a razón aos acredores fronte aos aínda hoxe donos da mercantil siderúrxica.

O BNG tramitou xa polo trámite de urxencia unha batería de iniciativas nas que reclama unha acción coordinada da Xunta e as administracións locais afectadas -fundamentalmente os concellos de Carballo e A Laracha- co obxectivo de garantir a continuidade da actividade empresarial e o mantemento do emprego na planta.

A sentencia do xulgado de Barcelona avala o plan de reestruturación proposto polos acredores, entre os que se atopan fondos como Deutsche Bank, Anchorage, Capital Group e Attesor Capital, e supón que estes, após unha quita e unha refinanciación da débeda, tomen o 100 % do capital desprazando aos propietarios actuais, explica o deputado do BNG.

“Agora mesmo a cuestión é dilucidar se a operación precisa da autorización ou non do Consello de Ministros, que é o que mantén o Executivo estatal, pero máis aló das cuestións puramente xurídicas o que está en xogo é a viabilidade futura da empresa e o mantemento do emprego nas factorías da siderúrxica”, advirte.

A sentenza, apunta, afecta de cheo á planta radicada en Bergantiños, que xera preto de 200 empregos entre directos e indirectos e que, ademais, representa unha parte moi importante de volume do tráfico e mercadorías que operan no Porto da Coruña.

“Dada a importancia que ten a planta de Celsa Atlantic Laracha no emprego a nivel comarcal, do peso específico que ten na actividade do Porto da Coruña e no mantemento e puxanza amosado polo eixo industrial constituído polos polígonos industriais de Carballo, A Laracha e Arteixo e a súa conexión con Porto Exterior, é precisa unha posición clara e unha actitude proactiva e coordinada na súa defensa”, conclúe o deputado, que insta ao Goberno do PP a aclarar que pasos pensa dar para garantir a continuidade da factoría e a reunirse de inmediato co comité de empresa.   


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG