O cabeza de lista do BNG en Pontevedra, Luís Bará, acudiu na tarde de hoxe martes de Entroido á súa vila natal, Vilaboa, para asistir ás tradicionais danzas de madamas e galáns en Cobres, onde tamén gozou cos xogos do galo na vara e o galo no río, que congregaron numerosas persoas participantes e visitantes.
Bará, que acudiu coma un veciño máis á festa –e incluso puxo un dos coloridos sombreiros dos galáns-, destacou a importancia dos entroidos tradicionais como elementos de identidade e a súa potencialidade para a dinamización turística de zonas rurais. Avogou por recuperar as celebracións que desapareceron en colaboración con asociacións e concellos e por fomentar os entroidos “que están vivos como o de Cobres” con medidas de dinamización e promoción, coa súa declaración BIC e incluso tamén como patrimonio inmaterial da humanidade.
O número un das listas por Pontevedra destacou os beneficios que a declaración de patrimonio da humanidade do Entroido tradicional galego en xeral suporía en termos de conservación patrimonial, facendo fincapé tamén no prestixio internacional que daría á celebración desde o punto de vista do turismo cultural.
Falou tamén da necesidade de deseñar un Observatorio do Patrimonio Galego, unha ferramenta que permita estar á vangarda na xestión e posta en valor do legado histórico e cultural, material e inmaterial da Galiza, en todas as súas fases clave: conservación e restauración, investigación, formación, documentación e difusión.
“No pobo galego sentimos orgullo da nosa identidade, das nosas raíces e da nosa historia. Ese sentimento de querenza e de pertenza ten unha enorme forza de cohesión, de mobilización e de transformación, e tamén permite a dinamización de zonas rurais xerando actividade económica”, asegurou.