O BNG presentou unha emenda de devolución á Lei de termalismo ao considerar o texto do Goberno “non resolve os problemas existentes nin senta as bases para asumir con éxito novos retos e explotar o potencial termal do país”, en palabras da portavoz de Industria, Noa Presas. Por contra, o proxecto do Executivo do PP “engade incertezas e pode desvirtuar o mapa termal e a idiosincrasia que o termalismo galego ten desenvolvido con grande esforzo social, público e privado”.
Para a formación nacionalista, faltou diálogo con todas as partes implicadas nun asunto de país “que require reflexión e consenso” pero que, en cambio, “é froito da improvisación”. “Á vista do resultado non se entende a lentitude para traer un proxecto con tantas limitacións, que mostra até que punto neste Goberno falta impulso político e proxecto”, criticou a deputada por Ourense.
“Tiñan dúas opcións, facer unha reforma parcial e rápida da lei de balnearios de 1995 e dar cobertura a determinados tipos de aproveitamento sobre os que existen lagoas conceptuais e legais, ou facer unha nova lei, ambiciosa, que supuxera un salto cualitativo no termalismo galego”, argumentou Presas no debate de totalidade no Parlamento. Pero, á vista do resultado, “renunciaron as dúas” para optar por unha terceira vía “mediocre” que nun 70% é “un refrito” da regulación actual e un 30% “supón máis un risco que unha solución”, denunciou.
De aí a emenda de devolución presentada polo Bloque, “porque non se pode lexislar en base a ocorrencias sobre a explotación termal, porque faltou participación dos concellos e participación social do tecido asociativo e veciñal e porque, entre outras eivas, este texto pretende relegar a un segundo plano o termalismo como actividade popular e social”.
Para o Bloque, hai aspectos conflitivos que requiren dun amplo debate do punto de vista político e da técnica lexislativa, como a titularidade das augas minerais e termais, os títulos habilitantes para o aproveitamento ou as posíbeis limitacións competencias, “e resulta inaudito, -subliñou-, que non se aborde a falta de soberanía sobre o 75% do territorio xestionado por bacías estatais”.
Presas tamén reprochou a visión “parcial e reducionista” do texto do Goberno, que se centra no aspecto lúdico renunciando a unha revisión normativa máis ambiciosa, e focalizando no “monocultivo do turismo” pero desatendendo a función social do termalismo. “Vivir nunha Galiza termal ten que ser diferente a vivir no medio dunha estepa e ir de vacacións unha vez ao ano a algún destino termal, ten que ser parte da vivencia dos galegos e galegas”, argumentou a nacionalista.
Aproveitamento integral do termalismo
O termalismo constitúe unha oportunidade para Galiza que vai máis aló da explotación turística e, en todo caso, o modelo turístico termal debe ser revisado e reordenado para garantir que sexa sostible, “pero o Goberno de Feixóo ignora o potencial industrial dos aproveitamentos termais por exemplo no campo cosmético e tamén é unha oportunidade perdida en termos patrimoniais, como se uso dos recursos termais para o lecer fora un invento do século XXI e non unha tradición popular secular”, indicou.
Presas criticou que se presente este proxecto de lei sen dotación orzamentaria, nun momento de recesión económica “como pretendendo que por arte de maxia se multipliquen os aproveitamentos termais”, ironizou. Finalmente, a deputada ironizou sobre a “alerxia á xestión pública” do PP: “o BNG non quere un modelo de desenvolvemento termal unicamente con iniciativa privada e política libre de prezos, ten que haber negocios privados, por suposto, pero ten que haber políticas públicas que fagan do termalismo un dereito e un ben colectivo porque a auga que emerxe dos mananciais é de todos e de todas”, concluíu.