A voceira parlamentaria do BNG en Economía, Noa Presas, preguntou no Parlamento polos cambios orzamentarios que o Goberno de Rueda ten pensado impulsar para compensar os 700 millóns de euros que Galiza podería perder pola “incompetencia” do PP, que co seu voto en contra ao primeiro decreto ómnibus bloqueou a devolución das entregas a conta do Estado á Xunta.
“Hoxe pedimos transparencia e saber como vai afectar aos servizos públicos a incompetencia do PP”, apuntou a deputada nacionalista durante a defensa en comisión parlamentaria dunha proposición non de lei na que se pedía a remisión ao Parlamento, no prazo de quince días, dun informe detallado sobre esta cuestión.
Unha iniciativa que a deputada aproveitou para denunciar que “a submisión do PP sáelle cara a Galiza”, pois “temos un financiamento que non quere negociar con Madrid, temos unha débeda que é un problema económico para o País de máis de doce mil millóns e tampouco queren negociar a quita que conseguiu o BNG, e agora nin sequera negocian os 700 millóns de euros que nos ten que devolver o Estado”.
Segundo afirmou Noa Presas, hai dous culpables de que Galiza poida ter un burato de setecentos millóns de euros. O primeiro, o sistema de financiamento asinado por Feijóo en 2009 que é inxusto coas galegas e cos galegos e que entre ese ano e 2021 deixou un déficit de financiamento que o Consello de Contas cuantificou en 18.400 millóns de euros, cifra que resulta da diferencia entre o que custa prestar servizos como a sanidade e o que volve da nosa achega ás arcas do Estado. 15.535 millóns ao ano, especificou a deputada, que “é máis do que vai gastar toda a Consellería de Política Social este ano.
“Ter máis de 6.500 persoas falecidas agardando a dependencia entre 2017 e 2023 amosa a mala xestión do PP, pero tamén que os dereitos precisan dun financiamento xusto”, engadiu a deputada do Bloque, criticando ademais o actual “sistema de tutelaxe centralista” no que “o Estado recada o que pagamos os galegos e as galegas en impostos e despois devolve unha parte de esa recadación para que desenvolvamos as nosas competencia”.
“Se Galiza tivese a chave dos seus cartos non teríamos este problema. Se hoxe en Galiza estivese vixente os sistema de financiamento que defendían as mulleres e os homes do Partido Galeguista no Estatuto do 36 que foi freado pola Guerra Civil, que defendía tamén o nacionalista Daniel Rodríguez Castelao, non teriamos este problema”, sostivo logo de recalcar que a diferenza entre o que Galiza achegou e recibiu no 2022 é de máis de 5.000 millóns de euros.
O segundo gran culpable, proseguiu a deputada, é un PP “cada vez máis ultra, máis radicalizado e máis submiso” aos intereses de Feijóo no Estado, como demostra o seu voto en contra o pasado 22 de xaneiro no Congreso do primeiro decreto ómnibus, no que se contemplaba a suba da pensión a 700.000 galegos e galegas, os descontos no transporte público que usan milleiros de galegos e galega ou a entrega a Galiza dos 700 millóns de euros de entregas a conta.
Lembrou, neste sentido, que se ben os descontos no transporte público e as pensións xa están desbloqueadas, aínda non se sabe que vai pasar coas entregas a contas. De aí o temor a que o PP recorte nos servizos públicos para compensar a posible perda. Presas quixo subliñar, neste punto, que no debate orzamentario o PP vetou a proposta do BNG para que os axustes nos presupostos, probables nun contexto de suba de prezos e de imposicións no marco de déficit, non afectasen aos servizos públicos.