O BNG non apoiará a renovación do consello de administración da CRTVG “mentres non se dean garantías de que as represalias e a manipulación que veñen de ser demostradas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) cesan de xeito inmediato na radio e a televisión públicas do noso País”.
Así o explicou en rolda de prensa logo da xunta de portavoces do Parlamento galego o viceportavoz segundo do Bloque na Cámara, Manuel Lourenzo, quen indicou que “esas garantías pasan porque se aprobe o estatuto profesional da CRTVG, pola creación do consello de informativos e pola renovación dunha dirección caduca, caducada e en fraude de lei dende 2009 e que converteu a radio e a televisión públicas nunha ferramenta de manipulación, censura e represalias ao servizo do PP”.
Lourenzo confirmou o traslado da posición nacionalista á xunta de portavoces parlamentaria, “logo da condena histórica do TSXG á CRTVG que non fai senón evidenciar unha dinámica de represalias e manipulación informativa que non son tolerábeis en democracia” e incidiu na urxencia de dar cumprimento á lei no ente público porque “as galegas e os galegos teñan dereito a unha televisión e a unha radio públicas libres, independentes e que respecten o dereito á información e os dereitos a exercer o labor xornalísticos das e dos profesionais”, recalcou.
O viceportavoz nacionalista avanzou que este será un dos temas que o Bloque levará ao próximo pleno parlamentario que, segundo indicou, centrará na situación económica, social e sanitaria excepcional que viven os galegos e as galegas “coa maior crise de prezos en 40 anos e asistindo ao maior deterioro da sanidade pública que se lembra no País”.
Así pois, e logo de reprobar o veto do PP á comparecencia do presidente da Xunta solicitada polo BNG para que explique as medidas que ten pensado adoptar “ante unha situación de emerxencia”, adiantou que a portavoz nacional porá o foco na pregunta de control nestes problemas e trasladará “as propostas da alternativa de goberno que representa o BNG” ante a falta de propostas dun presidente “perdido entre escusas, parches e propaganda” porque, segundo recalcou, “o que precisan os galegos e as galegas son propostas serias que dean esperanza e ofrezan solucións”.
Nesta liña, salientou que o Bloque defenderá neste próximo pleno medidas concretas fronte á crise de prezos, unha proposición non de lei para reforzar a Atención Primaria con 200 millóns de euros “co fin de descolapsala” e dedicar o 25% do orzamento do Sergas ao primeiro nivel da asistencia sanitaria, así como outra para dar resposta á atención á saúde mental, un problema que segue a medrar en Galiza, especialmente entre a xente máis nova.
De igual xeito, reclamará a restitución inmediata da Tarxeta Básica, creada durante a pandemia para a compra de alimentos e produtos de hixiene por parte das persoas con menos recursos. “Non entendemos como no contexto actual, a Xunta elimine a única ferramenta de emerxencia coa que contaban as familias vulnerábeis, polo que proporemos que se manteña e que sirva de ponte para a RISGA e o Ingreso Mínimo Vital”, incidiu.
Por último, Lourenzo recriminou ao PP que tamén rexeitara a proposta nacionalista na xunta de portavoces para ampliar o prazo e consensuar propostas de cara ao Plan Estratéxico de Galiza que se debaterá o xoves en comisión parlamentaria, cun documento “presentado pola porta de atrás” e “obsoleto dende o inicio”, xa que non dá respostas ás necesidades actuais dos galegos e as galegas, tras pasar unha pandemia e no medio da maior crise de prezos dende hai 40 anos.