congreso

BNG solicita a comparecencia do Goberno ante o anuncio de Milei de reformas que afectarían ao acceso da frota galega aos caladoiros na Arxentina

Carme da Silva e Néstor Rego
Carme da Silva e Néstor Rego
“Tanto o Ministro de Exteriores, Albares, como o de Agricultura e Pesca, Planas, deben explicar as actuacións realizadas e teñen que intentar mediar e estabelecer negociacións cos seus homólogos arxentinos para defender os intereses da pesca galega”

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor  Rego, e a senadora por Galiza, Carme Da Silva, solicitaron as comparecencias do Ministro de Pesca e do Ministro de Asuntos Exteriores para que informen da posición do Goberno español e das xestións a realizar ante a intención do Presidente arxentino de realizar reformas que limitarían ou impedirían os dereitos pesqueiros en augas de Arxentina, que afectaría a 80 buques galegos que historicamente pescan neses caladoiros.

Ademais, presentaron preguntas dirixidas ao Goberno en que trasladan as inquedanzas do sector pesqueiro galego que está a seguir con preocupación os anuncios do Presidente arxentino, Javier Milei, a respecto da instauración dunha taxa ás exportacións ou a liberalización das licenzas de pesca, “cuestións ambas que afectarían gravemente á frota e ás empresas galegas do sector, que levan décadas pescando na zona mediante sociedades mixtas e que teñen realizado grandes investimentos en plantas de procesamento e frigoríficos ”.

As medidas de Milei, terían un impacto moi negativo na frota galega

Preocupa, sinalan, a intención do Executivo arxentino de tratar de impoñer unha taxa do 15% sobre o valor dos bens exportados, ademais de pretender liberalizar os caladoiros o que permitiría a entrada de novos actores internacionais e afectaría ao mantemento e presenza da frota galega nesas augas.

Considera o BNG que o Goberno do Estado debe intentar mediar e estabelecer canles para a negociación co Goberno arxentino para defender os intereses da frota Pesqueira galega e lograr o mantemento dunha regulación que “non só beneficia ás empresas da Galiza que operan alí, senón que tamén beneficia á actividade asentada na zona e outorga valor engadido xerando emprego local e alén de dinamizar a economía”.

Rego e Da Silva queren saber cal é a posición do Goberno sobre esta importante cuestión, se fixo ou vai facer xestións ante o Goberno de Arxentina e se prevé reunirse co sector afectado.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG