A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, acusa ao Goberno de Rueda de utilizar fondos públicos para favorecer ás empresas privadas que fan negocio coa rede de servizos sociais, tanto na atención ás persoas maiores como no caso dos nenos de 0 a 3 anos. “Son exemplos perfectos de como o Goberno do PP se dedica na Xunta a coller fondos públicos para drenalos a empresas privadas”, asegura.
No caso da atención ás persoas maiores, Rodil destaca que a Xunta do PP dedica “nadamáis e nada menos” que 100 millóns de euros cada ano “para seguir cebando o negocio dun puñado de empresas” mentres só dúas de cada dez prazas de residencia son públicas en Galiza. “Temos un déficit tan grande de residencias públicas que persoas da provincia de Pontevedra agardan case dous anos para acceder a unha praza pública, á que teñen dereito pola lei de Dependencia”, advirte.
En moitas ocasión, estas persoas “acaban desprazadas a outras provincias ou a concellos que están na outra esquina do propio País”, critica, aludindo a casos de homes ou mulleres de idade avanzada de Pontevedra que están a ser enviados a centros na provincia de Lugo, como o de Monforte de Lemos.
Segundo os datos da propia Xunta de Galiza, expón Rodil, existen no noso País case 1.500 persoas agardando por unha praza de residencia sen recibir outro recurso, e 6.691 persoas reciben unha axuda para pagar unha praza de residencia na privada por non poder acceder a unha pública (Prestación Económica Vinculada a Servizo de atención residencial).
“Non é casual ou accidental que nos atopemos nesta situación, senón que é consecuencia directa dunha política decidida que recorta o público en beneficio do privado”, insiste a deputada nacionalista, referíndose como outro exemplo máis da política do PP á decisión de dar á iniciativa empresarial a xestión das dúas residencias de maiores construídas pola Fundación Amancio Ortega (FAO) nas cidades de Santiago e Lugo.
Fronte á política privatizadora do PP, o BNG defende o dereito a unha vellez digna a través dun modelo de coidados diferente, cunha rede pública forte tanto de centros residencias como de día que garanta os dereitos fundamentais das persoas, “independentemente da etapa vital na que se atopen”, explica.
Xestión pública directa para as residencias da Fundación Amancio Ortega
Seguindo esta liña, o BNG vai defender no Parlamento unha iniciativa na que reclama que a Xunta asuma a xestión pública directa das residencias de maiores construídas pola FAO en Ferrol, A Coruña e Pontevedra, así como que inicie o proceso de reversión ao público das residencias titularidade da Administración galega concesionadas a empresas privadas a medida que se achegue a data de vencemento dos contratos.
Na mesma iniciativa, o BNG aposta por deseñar un plan de ampliación de residencias públicas no que se teñan en conta as “necesidades presentes e futuras” deste servizo fixando prioridades de investimento naqueles concellos e comarcas que non dispoñan do mesmo, así como naqueles onde exista maior demanda. “Os centros residenciais deberán cumprir cos principios que rexen un modelo de residencias baseado na Atención Centrada na Persoa”, apúntase na proposta nacionalista.
No que ten que ver coa atención ás crianzas, Olalla Rodil critica a decisión do Goberno da Xunta de renunciar a 22 millóns de euros de fondos europeos para a construción de novas prazas públicas, un rexeitamento que a Consellería de Política Social xustificou alegando que non podía dedicar eses cartos a pagar as matrículas en centros privados. “É unha mostra máis de como o Goberno do Partido Popular elixe o modelo privatizador en detrimento do público para favorecer o negocio privado”, conclúe.