BNG rexeita o POEM aprobado polo Goberno: “pon en perigo a actividade pesqueira galega e os ecosistemas mariños”

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “O Goberno do Estado ponse, máis unha vez, do lado das grandes empresas enerxéticas e non do sector pesqueiro galego. Os buques pesqueiros non cotizan en bolsa, as grandes empresas enerxéticas, si”

“A aprobación do POEM corrobora que o Goberno do Estado está sendo cómplice do boom eólico depredador na Galiza, constituíndo agora un novo ataque ao sector pesqueiro e ás capacidades produtivas do País” denuncia

O BNG reafirma a defensa dunha Galiza libre de eólica mariña.

O Bloque Nacionalista Galego rexeita a aprobación, en Consello de Ministros e Ministras, do POEM da costa galega xa que afectará negativamente o sector pesqueiro galego e, por tanto, o desenvolvemento económico da Galiza e insiste en que a plataforma continental galega non é a adecuada para implantar estes proxectos eólicos. Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta aprobación constitúe unha “nova labazada para o sector pesqueiro galego” e reafirma a tese de que o executivo estatal está a ser “cómplice do boom eólico depredador” no noso País e reafirma a defensa dunha Galiza libre de eólica mariña.

O Consello de Ministros do Goberno do Estado vén de aprobar os Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) que permitirán a implantación de proxectos de eólica mariña nas costas do Estado. Curiosamente, incide o BNG, a Galiza concentrará case a metade dos MW de eólica mariña que está a tramitar o Goberno español “a pesar de que o sector pesqueiro galego sexa o máis importante do Estado español e un dos máis grandes de Europa”.

Para a frente nacionalista, esta aprobación implica un evidente risco para a conservación dos ecosistemas mariños un grave prexuízo para o desenvolvemento dunha das actividades económicas máis importantes para a Galiza, a pesca. “Vimos alertando durante os últimos meses de que a plataforma continental galega, por ser moi estreita, non é apta para instalar este tipo de parques que se situarían moi perto da costa, en zonas de interese pesqueiro  e mesmo coa concentración dun número elevado de embarcacións do sector pesqueiro que non ten comparación con ningún outro punto do Estado” afirma.

“No BNG témolo claro: seguimos a apostar pola potenciación do sector pesqueiro, moi importante no noso País e un modelo enerxético con participación pública que defenda o territorio galego. Un modelo afastado ao que defende o Partido Popular -desde a Xunta de Galiza- e o PSOE e UP -no Goberno do Estado- que priman os intereses das grandes empresas enerxéticas” subliña Rego.

“O Goberno do Estado ponse, máis unha vez, do lado das grandes empresas enerxéticas e non do sector pesqueiro galego. Os buques pesqueiros non cotizan en bolsa, as grandes empresas enerxéticas, si” apunta o deputado do BNG.

Para o deputado nacionalista, a aprobación destes POEM constitúe unha proba máis de que o Goberno do Estado está a ser “cómplice do boom eólico depredador que ameaza á Galiza”, cuestión que xa sinalou a pasada semana no momento de realizar unha pregunta á Vicepresidenta Terceira do Goberno sobre a a nova normativa de tramitación de parques eólicos que elimina os controis ambientais e a participación cidadá.

Para Néstor Rego é absolutamente contraditorio que a Comisión Europea pretenda fechar á pesca 30% do mar da UE para protexer os ecosistemas mariños e o Goberno español -amén co apoio da Unión Europea- impulse a implantación de parques de eólica mariña. “En todo o caso, ambas decisións son negativas para o noso País e conxuntamente fortemente lesivas para o sector pesqueiro galego.

A frente nacionalista afirma que non quedará cos brazos cruzados e oporase a esta aprobación “nas institucións e, se for preciso, nas rúas a través de todas as mobilizacións sociais que foren precisas para garantir unha Galiza libre de eólica mariña”. O deputado do BNG alerta que está en xogo unha das actividades económicas máis importantes do noso País, así como a protección dos ecosistemas mariños: “non calaremos ante esta nova inxustiza”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG