O BNG votou en contra da lei de rehabilitación do PP por considerar que favorece o negocio especulativo en detrimento da concepción social da vivenda e do urbanismo, favorece a ocupación do espazo público, carece de consenso e, ademais, é contraditoria con outras leis en vigor como a do solo ou a de patrimonio.
“Prima intereses economicistas sobre os sociais, aposta polo negocio especulativo da vivenda a través da rehabilitación e da renovación urbana que leva á expulsión de residentes habituais porque non presta atención a vulnerabilidade social”, salientou o portavoz de Vivenda, Luís Bará, durante o debate en pleno do texto lexislativo do goberno popular.
“A lei crea atallos para a privatización do espazo público a especulación e a destrución do patrimonio, contravén a lexislación sectorial, non conta coa poboación residente, e insuficiente e sesgada e non conta con consenso social”, sintetizou o deputado para argumentar o voto en contra do BNG.
Por contra, Bará puxo Allariz e Pontevedra no medio rural e no medio urbano respectivamente como exemplos de urbanismo, de ordenación e de rehabilitación que conseguiron recuperar e revitalizar os centros históricos e, en xeral, que foron capaces de dinamizar económica e socialmente ambos concellos.
O deputado aproveitou o debate para reprocharlle ao PP o “fracaso” das súas políticas de urbanismo e de ordenación do territorio, con apostas por modelos urbanos difusos nos que se tomou partido polos centros comerciais en detrimento do comercio de proximidade, primando o desenvolvemento de barrios dormitorios e grandes urbanizacións, “que provocan un gran impacto negativo tanto na paisaxe como na mobilidade”, en detrimento da rehabilitación e recuperación dos centros da vilas e cidades.
“Hai un fracaso das súas políticas urbanística e de vivenda que puxeron por diante os intereses privados sobre os das persoas, que provocaron un prezo abusivo e desorbitado da vivenda, tanto en compra como agora en aluguer, da man da banca e dos fondos de especulación”, denunciou Bará, quen reprochou a caída do gasto público en vivenda protexida ou o baixo nivel de execución dos programas de rehabilitación e calidade da vivenda.
Tamén reprochou ao Goberno de Feixóo que esta lei de rehabilitación non veña precedida “dunha diagnose produto dun estudo previo” como si fixeron os seus compañeiros de partido en Castela-León, ao tempo que denunciaba a “loita de poder” dentro da propia Xunta entre os departamentos responsables de vivenda, de urbanismo e de patrimonio.
“Pelexaron a ver quen controlaba esta cuestión, houbo unha batalla moi dura entre a consellería de Cultura que fixo un plan estratéxico dos centros históricos de Galiza e quedou no camiño porque a consellería de Vivenda non participaba e agora é Vivenda quen colle as rendas pasando por riba de Cultura, pasando por riba da lei de patrimonio cultural”, denunciou.
Bará considera que unha das cuestións máis criticables da lei do PP é a facilidade que da para a ocupación do espazo público, “algo contraditorio tanto coa Lei de patrimonio como a do solo”, ou o feito de que as medidas de realoxo sexan potestativas e non obrigatorias, así como que se primen as medidas coercitivas en lugar de incentivar a rehabilitación.
Igualmente, considera que o texto inclúe propostas de dubidosa eficacia, como a aplicación de canóns a edificios abandonados. “Teñen unha previsión de ingresos ridícula de 83.000 euros, van ter mais gastos de xestión que ingresos”, ironizou. Bará concluíu anunciando o voto do Bloque en contra da lei porque o que se precisa en materia de rehabilitación “é un cambio de tendencia non medidas parciais nin cosméticas”.