BNG vén de pedir no Parlamento galego a devolución do proxecto de lei de impulso demográfico, pola súa falta de concreción, a súa insistencia en “políticas natalistas fracasadas”, a súa desatención á realidade galega actual, onde medran os fogares unipersoais e monoparentais, e a ausencia de compromiso real cos dous elementos clave: a migración e a lonxevidade.
Así o explicou durante o debate na Cámara da nova norma, a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, quen considerou que o texto é froito dun “enfoque político errado que non vai ao centro do problema demográfico galego” e afeou ao PP a súa negativa a aceptar as emendas do Bloque para fixar compromisos e prazos concretos a unha lei chea de “xeneralidades e vaguidades”, segundo sinalou o Consello Económico e Social (CES) no seu informe, e que contén artigos que “máis que reflectir compromisos de goberno evidencian os seus incumprimentos”.
Neste sentido, apuntou ao Rexistro de Familias Monoparentais e ao plan específico para este colectivo, un compromiso do Executivo de Feixóo de 2011 e que agora se presenta como unha das novidades da lei, “cando ademais -reprochou- vostedes votaron ata tres veces en contra de iniciativas do BNG neste mesmo sentido”. De igual xeito referiuse á Estratexia de Soidade non Desexada, aprobada por unanimidade no Parlamento xa en 2019, ou ao anuncio da extensión da teleasistencia avanzada, “cando -recriminou- a básica apenas ten, segundo os datos de 2019, un grao de cobertura do 2,7% nun país no que hai máis de 67.000 dependentes”.
De igual xeito, Rodil criticou un proxecto de lei que “teima en políticas natalistas fracasadas”, logo de acusar á Xunta de repetir as mesmas medidas que xa se propuñan na Estratexia Demográfica de 2013. “Nela situábase nun 1,5% a taxa de natalidade; consulten os últimos datos demográficos publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e comproben o éxito desas medidas”, convidou á bancada do PP.
Así mesmo, incidiu en que Galiza precisa unha “lei universal, máis inclusiva e que atenda ás realidades múltiples e diversas que existen no noso país”, non coma o proxecto de lei elaborado polo Goberno de Feixóo que, fronte ao concepto integrador de ‘fogar’, vertébrase dende a “visión reducionista e conservadora do de ‘familia’”.
Logo de explicar que o ‘fogar’ pode ser unipersoal, mentres que a ‘familia’ ten que constar, segundo o Observatorio Demográfico de Galiza, polo menos de dous membros, a viceportavoz do BNG recalcou a importancia desta cuestión, dado que -segundo dixo apoiándose nos datos do propio Observatorio- “esta é unha lei de futuro, supostamente, e debe atender á realidade actual e a que vén e, neste país, son cada vez máis os fogares unipersoais e monoparentais”. “De feito máis do 50% dos fogares unipersoais está integrado por persoas de máis de 65 anos, maioritariamente mulleres, unha realidade que hai que abordar e que debería ser un dos eixes dunha lei coma esta”, subliñou.
Rodil quixo recalcar tamén o enfoque co que o a formación nacionalista afrontou unha lei que considerou estratéxica e de necesario consenso e que pasa por entender que “o impulso demográfico non consiste en acadar un número de poboación que se considera ideal, senón que as persoas que vivan e traballen en Galiza conten co preciso para desenvolver un proxecto de vida coas maiores”.
Neste sentido, lembrou todas as achegas do BNG vetadas polo PP e entre as que destacou a aposta estratéxica pola I+D+i que obrigue á Xunta a camiñar cara a un investimento do 2,5% do PIB en ciencia e investigación. “Galiza, se quere impulsarse demograficamente, necesita máis ciencia, máis investigación, mellores condicións laborais, e menos propaganda”, reprochou, para engadir a continuación que as galegas e galegos non marcharían se tivesen as condicións que precisan para desenvolver o seu proxecto vital.
Despois de considerar a norma “unha oportunidade perdida para afrontar un dos grandes desafíos galegos, o demográfico, a viceportavoz recriminou ao grupo maioritario da Cámara que pese á man tendida do Bloque, “vostedes tiñan moi claro desde que se iniciou a tramitación do proxecto de lei que non ían moverse nin un ápice das súas posicións iniciais”, polo que instouno a empregar a súa maioría absoluta e aprobala. “Fágano, pero esta non é unha lei de país; é a súa lei”, concluíu.