BNG rexeita a Lei do Ciclo da Auga por recadatoria, atacar ao rural e non adaptarse á realidade galega e ao cambio climático

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará recrimina á Xunta que queira incrementar o recibo da auga e crear novas taxas afogando aínda máis a familias e PEMES nun contexto de crise

Reprocha ao PP a “oportunidade perdida” para lograr un gran pacto galego pola auga e que opte por impoñer un “modelo de infraestruturas fracasado”

Advirte que a nova norma obriga aos concellos a medidas e prazos inviables e arremete contra as traídas de augas veciñais como solución propia do rural  

O BNG rexeitou no Pleno do Parlamento galego o proxecto de Lei do Ciclo da Auga presentado pola Xunta por ser unha “lei recadatoria” nun contexto de grave crise de prezos; “coercitiva”, pola imposición de obrigas aos concellos con medidas e prazos completamente irreais; “atacar ao rural”, cun acoso e derribo ás traídas de augas veciñais; e non adaptarse nin á realidade galega, nin ao contexto de cambio climático no que nos atopamos.

Así o resumiu o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, durante o debate parlamentario no que se votou o ditame do novo texto normativo que, segundo recalcou, “é unha oportunidade perdida para consensuar un gran pacto galego pola auga” que permita impulsar unha nova cultura da auga baseada nas infraestruturas verdes e na protección dos recursos hídricos do País.

“Mais o método do PP non é o pacto, é o impacto, a imposición, o ‘ordeno e mando’, a prepotencia e soberbia da súa maioría absolutista na que van acabar afogando”, recriminou, logo de reprobar tamén a falta dun verdadeiro proceso participativo coas institucións, sectores e axentes directamente afectados e a falta de participación tamén no trámite parlamentar, onde está representado o conxunto da sociedade.

O deputado do Bloque reprochou ao Executivo que pretenda aprobar o proxecto de lei sen ter en conta nin o ditame do CES, nin ao municipalismo galego, en contra das comunidades veciñais de augas e sen cumprir o Pacto Local da Auga, anunciado “a bombo e prato” en 2013. “Pois non conten co BNG para iso”, reafirmou para incidir a continuación en que nos atopamos ante unha oportunidade perdida para acordar dúas grandes cuestións: unha estrutura tarifaria de referencia e prioridades no investimento.

Grandes redes custosas e ineficaces, na vez de sistemas pequenos e eficientes

Neste sentido apuntou que “esta lei é o recoñecemento dun fracaso, xa que en 12 anos a Xunta non desenvolveu instrumentos de planificación “e agora quere botarlle a culpa de todos os males aos concellos”. Despois de lembrar que están sen aprobar o Plan Galego de Abastecemento e o Plan Galego de Saneamento, Bará asegurou que o problema radica en que o Goberno do PP “segue erre que erre cun modelo de infraestruturas fracasado, con tecnoloxías desfasadas e non adaptadas á realidade galega”, caracterizada pola dispersión poboacional e ante a que, sen embargo, opta por solucións centralizadas e grandes redes de saneamento e depuración, “moi custosas e ineficaces”, cando a mellor solución para moitas zonas do rural “son pequenos sistemas de abastecemento e solucións baseadas na natureza para a depuración”.

Segundo advertiu, o que hai detrás do modelo do PP é un “plan oculto de privatización”, cun acoso e derrubo ás traídas de augas veciñais que supón “un ataque ao rural, á xente do rural, ás solucións propias do rural como son as traídas veciñais de augas”, pola vía das restricións nas renovacións das concesións, pola vía de novas taxas e sancións ou con obrigas absurdas de control mediante contadores homologados en puntos de captación, “o que pon de manifesto un absoluto descoñecemento da realidade”.

De igual xeito, se referiu ao carácter “coercitivo” da norma, pola imposición “con coacción” de obrigas aos concellos, con medidas e prazos completamente irreais e inviables, “comprometendo a capacidade económica e de investimento dos municipios”, sen ter en conta a realidade dos concellos e o seu esforzo investidor, e sen prever o retorno dos ingresos do canon da auga.

O portavoz nacionalista de Medio Ambiente fixo especial fincapé no afán recadatorio da lei -“por iso se coñece como Lei do Sablazo da Auga”, recalcou-, xa que, no medio dun contexto de grave crise e suba desaforada dos prezos, “a Xunta quere incrementar o recibo da auga, crear novas taxas e afogar aínda máis ás familias e ás pequenas empresas”, tal e como evidencia o informe económico-financeiro que acompaña á lei e onde “vostedes poñen branco sobre negro do que van subir as taxas, o canon de depuradoras”.

Así e citando textualmente o citado informe, indicou que os concellos que verten á EDAR dos Praceres pasarán de pagar 2,3 millóns a 3,9 millóns de euros. “Xa me dirán quen vai pagar isto senón as empresas e as familias e os fogares nun contexto de suba absolutamente escandalosa e abusiva de prezos”, censurou, para recriminar á bancada do PP que “vostedes presumen de que queren baixar os impostos e o que fan é subir unha vez máis os impostos ás empresas e aos fogares”.   

“Negamos a maior, non estamos ante unha Lei do Ciclo Integral da Auga, será en todo caso do ciclo urbano da auga, das infraestruturas de captación, subministro, saneamento e depuración, que non é o mesmo”, advertiu, para recalcar a continuación a diferenza co modelo do BNG, no que as prioridades pasan pola conservación e protección dos recursos hídricos, incluídos os humidais, fundamentais para afrontar o cambio climático; a xestión das augas pluviais, a reutilización das pluviais e das depuradas; o aforro e a eficiencia e as solucións baseadas na natureza para pequenos sistemas de depuración das augas residuais, propostas que o Bloque incorporou nas distintas emendas que presentou ao proxecto de lei e que foron vetadas polo PP.  


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG