O Bloque Nacionalista Galego rexeita taxativamente a pretensión do Goberno español de apropiarse dos recursos aforrados polos concellos e ve na medida prevista no Real Decreto Lei 27/2020 unha auténtica incautación de recursos por parte do Goberno español.
O seu portavoz no Congreso, Néstor Rego, explicou que “é un erro porque nestes momentos de crise sanitaria e socio-económica é precisamente no ámbito local onde máis necesaria e efectiva pode ser unha inxección de recursos que permita aos concellos para atender as enormes necesidades de protección social acentuadas pola crise sanitaria e contribuír a reactivar a economía no ámbito local”.
Os nacionalistas consideran este bloqueo dos remanentes municipais unha medida inxusta, que afecta especialmente a Galiza polos criterios do sistema de financiamento das entidades locais que, “prexudican gravemente ao noso país –salientou Rego-, onde os concellos ingresan 50 euros menos por habitante que no conxunto do Estado”.
Nese sentido, o deputado nacionalista resaltou que a proposta de “negociación” que realizou a Ministra de Facenda, repartir 60% do fondo (3.000 millóns de euros) en función da poboación aínda é máis lesivo para a Galiza, ao obviar criterios como dispersión ou envellecemento da poboación.
“Non nos serve o argumento de que hai que cumprir a Lei, porque o que hai que facer coa Lei Montoro é derrogala” subliñou o deputado nacionalista. O BNG ve neste goberno, que se auto titula como o máis progresista da historia, fai con esta lei o mesmo que fixo con outras normas da etapa dos gobernos antisociais do Partido Popular como a Lei Mordaza ou a reforma laboral, aplicalas en lugar de derrogalas.
Para o deputado nacionalista, a única saída é derrogar a Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Estabilidade Financeira, para permitir aos concellos utilizar os seus aforros precisamente cando máis os necesitan.
Por outra parte, Rego fixo referencia a un outro aspecto do decreto que considera inxusto. A disposición adicional oitava estende o recoñecemento como accidente laboral do contaxio por COVID19 aos traballadores e traballadoras de centros sanitarios e socio-sanitarios, pero segue deixando fóra desa protección os técnicos e técnicas de coidados de persoas dependentes no fogar. O persoal dos servizos de axuda no fogar está igualmente exposto ás infeccións por COVID19, e ademais trátase dun grupo vulnerábel, imprescindíbel e esencial que ten que ter os mesmos dereitos que o persoal dos centros sanitarios e socio-sanitarios. Rego reclamou que este aspecto fose modificado.