O BNG pide a derrogación da Lei Montoro e critica a partes iguais tanto a actitude “hipócrita e demagóxica” do PP e da Xunta que pon o grito no ceo por unha lei aprobada polo Goberno que presidía Mariano Rajoy, -tras estar mudo todos oito anos-, como a un PSOE que en campaña electoral prometía substituír a que definía como “fatídica Lei Montoro” por unha nova lei de facendas locais, pero que unha vez na Moncloa esquece ese compromiso é pretende apropiarse dos aforros das administracións locais utilizando precisamente esa lei.
Neste sentido, o deputado no Congreso, Nestor Rego, salienta a “coherencia” do BNG que sempre se opuxo a Lei 2/2012 e anuncia que o Bloque vai votar en contra na Cámara baixa da validación do acordo da FEMP que permite ao Estado confiscar o remanente dos concellos galegos. Unha cifra que supera os 1.000 millóns de euros e que deben liberarse para que os gobernos locais podan destinalos a cubrir as urxencias da súa veciñanza neste contexto de pandemia.
“O actual Goberno sabe que conta cos suficientes apoios para poder derrogar esta lei de maneira inmediata e permitir algo tan elemental como que os aforros dos municipios se mobilicen para atender as necesidades máis urxentes da cidadanía e para dinamizar a economía local por parte da administración máis próxima á veciñanza”, explicou, tras destacar que o actual Lei de financiamento local xa “penaliza” aos municipios do país, que reciben 50€ menos por habitante que a media do Estado.
Rego destaca a situación “saneada” dos concellos galegos, -un 0,3% do PIB fronte ao 3% permitido-, e advirte que esta apropiación que pretende Madrid “pode terminar por se unha nova drenaxe de cartos desde Galiza para outras zonas do Estado porque non sabemos a que vai destinar o Goberno central os recursos que obteña por esta incautación e temos antecedentes de como os criterios de distribución prexudican ao noso país”.
O deputado nacionalista citou como exemplo o reparto do fondo COVID19 no que Galiza foi penalizada, pois o 40% do total foi para dous territorios, -Madrid e Catalunya-. “Non se tivo en conta que prestar os servizos en Galiza ten un custe superior debido á dispersión ou o envellecemento da poboación”, explicou, polo que de producirse a confiscación dos fondos das administracións locais, no caso galego podería verse agravada cunha discriminación na distribución deses recursos.
Por iso, “é fundamental parar esta actuación do Goberno do Estado porque a estas alturas non ten unha maioría que lle permita validar o acordo da FEMP e adianto que a posición do Bloque vai ser votar en contra deste decreto, que non sexa aprobado e dea paso a outras opcións que non poden pasar por unha incautación máis branda senón pola derrogación da Lei Montoro e darlle aos concellos a posibilidade de usar os seus aforros para atender a urxencia sanitaria e económica derivada da COVID19. Esa debe ser a vía e iso é o que esperamos que ocorra no Congreso”, subliñou Rego.
Inicio do curso escolar coa curva en ascenso
Preguntado pola evolución dos datos da pandemia, o deputado salientou a preocupación do Bloque en particular de cara o que poda pasar no futuro inmediato a poucas semanas do inicio do curso escolar, tendo en conta “os criterios aprobados pola Xunta que consideramos totalmente irresponsables”, -subliñou-, alegando que hai expertos reclamando que as aulas se impartan coa metade do alumnado que ten previsto polo Goberno galego.
“E ante esta situación o que vemos é a un Feixóo que segue instalado na propaganda, que comparece para chegar a valoracións case apocalípticas do que pasa en Galiza, en particular na área da Coruña, pero que despois non adopta medidas máis aló da prohibición de fumar senón hai unha distancia interpersonal mínima de dous metros”, explica Rego.
Para o deputado do Bloque, o presidente da Xunta “estaba moi cómodo criticando as decisións que tomaban outros pero agora que lle corresponde a el está demostrando unha gran irresponsabilidade, incapacidade e desleixo para afrontar esta situación como demostra a súa actitude ante o inicio de curso. Aínda estamos a tempo de adoptar criterios que primen a seguridade sanitaria nas aulas”, concluíu.