O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de presentar unha Proposición non de Lei para a derrogación da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financieira, coñecida como Lei Montoro. O BNG demandou que se permita aos municipios utilizar os remanentes e superávit, así como ampliar a capacidade de endebedamento das Administracións locais para afrontar gastos. “Ante a situación de crise económica e social dos últimos meses, os concellos demandan de forma urxente poder utilizar os remanentes acumulados en contas bancarias, sen que con iso se incumpra a regra de gasto” salientou Rego.
Unha demanda que xa fora reiterada en varias ocasións, incluso antes da crise da COVID-19, polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que instaba de forma urxente á flexibilización na utilización do remanente e superávit a calquera tipo de investimento que redunde en beneficio da comunidade, estendendo o ámbito temporal de aplicación e que se considerara a posibilidade de poder aplicar parte do mesmo en gasto corrente.
O BNG considera inaceptábel que o Goberno do Estado pretenda confiscar os 890 millóns de euros de remanente e superávit dos que dispoñen os concellos e as deputacións deixando sen estes recursos ás administracións locais e polo tanto, penalizando a aqueles concellos que mellor xestionaron as súas contas e teñen remanentes.
O deputado do BNG salientou que “non se poden repetir os erros que se cometeron na crise de 2008, nin pode haber unha incautación de fondos a uns concellos que teñen unha situación moi saneada e que están totalmente lexitimados a poder destinar eses cartos aforrados a reactivación económica, a financiar servizos ou as prioridades que se estimen en cada caso”.
Néstor Rego explicou que “con esta proposta, o Goberno non só está ignorando as necesidades municipais, senón que tamén obvia as conclusións fixadas no Ditame da Comisión de Reconstrución e que o Congreso acaba de aprobar, onde se estabelece a necesidade de flexibilizar a Lei de Estabilidade e da regra de gasto para que os concello podan usar os remanentes e superávit”.
O BNG rexeita o argumento que trasladan desde o Ministerio, que xustifica esta manobra amparándose nas previsións da Lei de Estabilidade Financieira, alegando a imposibilidade de incumprir o seu contido e que deste modo non lle computará ás distintas entidades locais como déficit, cando a propia Comisión Europea acordou flexibilizar a limitación de endebedamento dos Estados para facer fronte á crise da COVID-19. Rego criticou que a única administración que vai a poder beneficiarse desta previsión é a Administración Xeral do Estado, mentres que as Entidades Locais non poderán facelo, a pesar de supor no caso da Galiza, un 0,3% do PIB galego e estar o límite en 3%.