BNG rexeita o envío de tanques á Ucraína

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego (BNG) alerta de que contribuirá ao aumento da escalada bélica e reitera a necesidade de apostar polas vías pacíficas e diplomáticas

A fronte nacionalista reprocha a decisión do executivo de enviar os tanques Leopard sen debate e votación no Congreso e solicitará a comparecencia do presidente do Goberno e a ministra de Defensa no Pleno da cámara

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anuncia o rexistro das solicitudes de comparecencia do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a ministra de Defensa, Margarita Robles, tras a decisión do executivo de enviar máis armas a Ucraína, neste caso, tanques Leopard. Para o deputado do BNG, Néstor Rego, este tipo de decisións deben debaterse e votarse previamente no Congreso e rexeita alimentar a escalada bélica e o seguidismo que está a facer o Goberno do Estado español na política militarista dirixida polos Estados Unidos, único beneficiario do conflito.

Rego exixe centrar todos os esforzos do Goberno do Estado en conseguir “unha paz xusta e duradeira” a través do diálogo e a negociación. “Reclamamos a Pedro Sánchez un xiro na política levada a cabo polo Goberno porque, de continuar incrementando a escalada bélica, estarase a aumentar o risco de que o conflito escale na confrontación directa da OTAN con Rusia ou, mesmo, ao uso de armamento nuclear” sinala.

“O Goberno do Estado equivócase nesa estratexia seguidista dos intereses dos Estados Unidos, o único que está a gañar con este conflito, mentres perden os pobos de Ucraína e Europa” destaca Rego. O deputado sinala que, con esta medida, o Estado español está a implicarse de forma máis activa e directa no conflito: “Que será o seguinte, enviar soldados?”, pregunta Rego.

Así mesmo, o BNG critica as formas do executivo que, unha vez máis, volve tomar unha decisión desta relevancia política, coas implicacións que provoca, de maneira unilateral. “Este tipo de decisións teñen que ser debatidas e votadas no Congreso dos deputados” explica o deputado da organización nacionalista, mentres confirma “o non rotundo do BNG”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG