Diante dos recentes acontecementos que se teñen producido na Venezuela, cos reiterados intentos de derrubar pola forza o goberno lexítimo e democraticamente elixido e, moi especialmente, perante a intervención directa dos Estados Unidos da América, o Bloque Nacionalista Galego manifesta publicamente a total solidariedade coa Revolución Bolivariana e coas forzas e institucións que defenden a soberanía do povo venezuelano.
De maneira especial, o BNG rexeita rotundamente o 'Decreto Executivo' do presidente dos Estados Unidos da América, de 9 de marzo de 2015, en que cualifica a Revolución Bolivariana como unha 'ameaza inusual e extraordinaria para a seguranza nacional e para a política externa dos EUA', por canto supón unha inxerencia inadmisíbel nos asuntos internos dun estado soberano e unha ameaza real para a Venezuela Bolivariana e para a paz e a soberanía das nacións da América Latina.
A intervención directa do goberno norteamericano, para alén de supor unha inequívoca mostra de arrogancia imperialista, é tamén o recoñecemento do fracaso de todos os intentos de derrubar a Revolución Bolivariana apoiando as accións violentas da reacción interna e a campaña mediática de desprestixio internacional do Goberno da Venezuela. De facto, nos dous primeiros meses deste ano 2015 foron máis de 50 os pronunciamentos do goberno estadounidense contra as institucións venezuelanas e a favor da oposición interna.
No entanto, a firmeza do povo e das forzas patrióticas da Venezuela teñen frustrado até o de agora todos os intentos antidemocráticos de derrubar o goberno lexítimo. Tamén a solidariedade anti-imperialista internacional e, moi especialmente, dos povos da América Latina, contribuíron para pór ao descuberto os planos inxerencistas norteamericanos. De aí que agora recorran á ameaza directa contra a Venezuela que é, ao tempo, unha advertencia sobre a plena vixencia da vontade dos EUA de intervención imperialista, se for preciso militar, na América Latina.
Neste sentido, o BNG, como forza patriótica que loita pola soberanía da nosa nación, Galiza, reitera a solidariedade con todos os povos que defenden a independencia das súas nacións frente ao colonialismo, o imperialismo ou as ameazas externas. É por iso que nos sumamos ás declaracións de organismos rexionais como a ALBA ou UNASUR que piden ao goberno dos EUA a derrogación do 'Decreto Executivo' e o respecto 'á soberanía e autodeterminación dos povos' e manifestamos, máis unha vez, a nosa solidariedade co povo venezuelano.