Parlamento Galego

BNG revela un informe do Sergas que cifra en 30 M€ o valor da superficie non construída no Cunqueiro, que a Xunta pagou igual

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia que a concesionaria aforrou outros tres millóns de euros coa Oficina Técnica de Seguimiento das obras do hospital de Vigo

A deputada do BNG Montse Prado desvelou na comisión de investigación sobre os chanchullos do PP un informe do ano 2012 da Consellería de Sanidade no que se recolle a redución da superficie do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e cifra o valor dos metros cadrados que se deixaron de construír en 30 millóns de euros, que a Xunta pagou igual á concesionaria.

Trinta millóns que, asegurou Prado, se suman aos 470 millóns de euros de sobreprezo da obra do hospital que supuxo, segundo o informe do Consello de Contas, a modalidade de contratación escollida polo PP. Fronte ao modelo tradicional de obra pública, o Goberno de Feijóo optou por adxudicar conxuntamente construción e xestión de servizos non sanitarios.  

Prado pediu á presidencia da comisión que incorpore á documentación deste órgano de investigación o informe ao que fixo referencia, datado o 20 de abril do 2012. Trátase, en concreto, do Informe Técnico do Proxecto Básico e de Execución da Concesionaria para o novo Hospital de Vigo. Segundo asegurou a deputada nacionalista, nel recóllese expresamente que respecto do proxecto inicial houbo unha redución de 15.423 metros cadrados na superficie hospitalaria e doutros 16.000 na de aparcamento. Son as mesmas cifras que aparecen no informe de fiscalización do Consello de Contas.   

En total, máis de 21.000 m2 que, tal e como se indica no informe, suporían o 15,8 % do orzamento de execución material, en torno a 30 millóns de euros que a concesionaria aforrou porque a Xunta pagou o mesmo que se se tivesen construído. “Permitiron a redución dos espazos sen reducir o prezo en detrimento da calidade do hospital e das condicións para prestar a asistencia sanitaria”, criticou Prado na súa intervención trala comparecencia da ex conselleira de Sanidade Pilar Farjas.

Ademais dos 30 millóns de euros que aforrou na obra, a empresa beneficiouse de ter que prestar servicios en menos superficie, pois tampouco aí houbo rebaixa no prezo que pagaron os galegos e as galegas polo Hospital, explicou Prado, quen subliñou ademais que a concesión dos servizos non sanitarios foi ampliada fóra do perímetro do Álvaro Cunqueiro,  ampliación que careceu de “soporte legal”, tal e como se apunta no informe de fiscalización de Contas.

“Un suma e segue” en beneficio da concesionaria, proseguiu Prado, referíndose así mesmo á decisión de encomendar a Galizaria a Oficina Técnica de Seguimento da obra de construción e de externalizala a unha empresa á fronte da cal, “casualidades de vida”, estaba Ana Sánchez, destacada militante do Partido Popular  que traballou con Ana Pastor no Ministerio de Sanidade. “Puxeron a raposa a coidar as galiñas”, dixo Montse Prado.

Neste punto, denunciou tamén que os gastos de funcionamento da oficina de seguimento e do plan de comunicación debían ser asumidos pola concesionaria, cun importe de catro millóns de euros que non están xustificados, pois só consta que a UTE destinase 430.000 euros, polo que “(o Goberno do PP) permitiu aforrar outros tres millóns á concesionaria”.  

A portavoz parlamentaria de Sanidade do BNG sacou a relucir tanto o informe técnico do Sergas de 2012 como algunhas das conclusións do Consello de Contas para denunciar a decisión do PP de construír un hospital “máis pequeno, con peores servizos, con peor calidade na construción única e exclusivamente para facer máis atractivo o negocio para as empresas da UTE, onde estaban relevantes militantes do PP ou persoas afíns con moito poder”. Unha decisión, concluíu, que se tomou “mentres se facían recortes inmisericordes na sanidade pública”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG