Congreso

Rego pon deberes a Puente: axilizar as infraestruturas acordadas e solucionar os problemas nos servizos ferroviarios

O BNG reclama manter en 2025 as bonificacións do transporte público para persoas usuarias habituais e con criterio social, tal e como está recollido no Acordo de Investidura

“Actúen para mudar a situación: plan de puntualidade, aumento das frecuencias, prezos reducidos, máis e mellores servizos ferroviarios na Galiza” reivindica Rego

Durante a comparecencia do Ministro de Transportes no Pleno do Congreso, o Bloque Nacionalista Galego debullou unha lista de tarefas pendentes que ten a carteira para coa Galiza, sobre todo a respecto das infraestruturas e os servizos ferroviarios. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, demanda manter as bonificacións no transporte para 2025, tal e como está contemplado no Acordo de Investidura do BNG, axilizar a execución de infraestruturas estratéxicas para a Galiza -saída sur de Vigo, implantación das cercanías, conexión de Lugo co resto de cidades- e, no curto prazo, aumentar os servizos ferroviarios a través de máis frecuencias, mellores horarios adaptados ás necesidades dos e das galegas ou aplicar o plan de puntualidade.

Mellores servizos para a Galiza en materia ferroviaria

Segundo apunta o deputado do BNG, a Galiza continúa a ter numerosos problemas no servizo ferroviario: “avarías, demoras inxustificadas, insuficiencia de prazas, prezos excesivos que só son compensados polas bonificacións actuais” enumera Rego. Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego reclama “mudar a situación actual” e demanda ao Ministerio de Transportes maior compromiso. “Apliquen o plan de puntualidade, aumenten as frecuencias e os servizos ferroviarios na Galiza, baixe os prezos, para alén de manter en 2025 as bonificacións para os usuarios e usuarias habituais e baixo criterios sociais, tal e como está recollido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG” exixe.

Impulsar e materializar infraestruturas estratéxicas para a Galiza

“Lembramos tamén o compromiso de implantar as cercanías ferroviarias na Galiza nesta lexislatura. Reclamamos que haxa maior celeridade para tornar esta vella reivindicación nunha realidade o antes posíbel” esgrime Néstor Rego. En tanto non se cumpre o recollido no Acordo de Investidura, subliña o deputado do BNG, é preciso que o Goberno “mellore os servizos de Media Distancia para que poida facer servizos que se poderían considerar de proximidades. E tamén recuperar estacións que foron abandonas pero que están perfectamente operativas” apunta.

Exemplifica o caso das estacións abandonadas na vila de Tui, un concello de 17 000 habitantes que, xunto con Valença do Minho, conforma unha eurocidade de máis de 31 000. “Pode explicar, señor Ministro, cal é a razón pola que os trens non poden parar nesta estación cando poderían facer un servizo de proximidade entre Tui e Vigo?” pregunta Rego. Así mesmo, urxe o Goberno mellorar as frecuencias e o material rodante do Tren Celta e as conexións con Portugal, no curto prazo.

“A saída sur de Vigo e a conexión de alta velocidade con Portugal é fundamental para a Galiza toda e debe estar finalizada en 2030. O BNG, após a rectificación do Goberno, xa avanza que estaremos atentos para que pasen das declaracións aos feitos o que implica que nos vindeiros orzamentos haxa partidas específicas para impulsar os traballos desta conexión” asevera o deputado do BNG.

Por último, Néstor Rego enumera as tarefas pendentes, por parte do Ministerio de Transporte, para que se materialicen infraestruturas ferroviarias estratéxicas do punto de vista social e económico na Galiza: “rematen a modernización da liña Lugo-Ourense, impulsen a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago, axilicen a construción do bai-pass de Betanzos e melloren a conexión entre Ferrol e A Coruña ou entre Ferrol e Ribadeo...”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG