Parlamento Europeo

BNG organiza en Tui unha conferencia sobre a cooperación transfronteiriza entre Galiza e o norte de Portugal

Ana Miranda
Ana Miranda

Ana Miranda: “É fundamental a nosa participación na elaboración da normativa europea que ter por obxectivo eliminar obstáculos nas fronteiras”

Analizar o Regulamento para a eliminación de obstáculos legais e administrativos na cooperación transfronteiriza é un dos obxectivos da conferencia que organiza a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, o vindeiro venres, 13 de decembro en Tui. Baixo o título “BridgeEU: Pontes e non barreiras nas fronteiras”, a xornada de traballo tamén analizará a experiencia das eurocidades diante dos obstáculos legais e administrativos das fronteiras.

Así, para explicar os obxectivos do Regulamento para a eliminación de obstáculos legais e administrativos na cooperación transfronteiriza que actualmente se está negociando nas institucións europeas intervirá o eurodeputado impulsor do Mecanismo Transfronterizo Europeo BRIDGEU. Sandro Gozi. Nestas negociacións Galiza está representada a través de Ana Miranda, xa que participa en nome do grupo dos Verdes - Alianza Libre Europea.

“É fundamental a nosa participación na elaboración da normativa europea que ten por obxectivo eliminar obstáculos nas fronteiras”, subliña a eurodeputada galega quen defende avanzar para que as administracións competentes dean pasos na liña de facilitar a vida da cidadanía que vive a ambos lados da fronteira. Neste sentido, sinala a creación dos puntos de coordinación transfronteirizos, no obxectivo de eliminar atrancos administrativos, e a creación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, que é unha demanda histórica a ambos lados da fronteira.

Múltiples perspectivas

Na xornada de traballo abordarase a colaboración transfronteiriza desde múltiples perspectivas. Así analizarase o caso das eurocidades xa consolidadas ou cunha longa traxectoria, como a de Cerveira e Tomiño e de Verín e Chaves, así como as que están en proceso de creación polo que se abordarán as problemáticas desde a perspectiva de Tui, O Rosal, A Guarda e Salvaterra de Miño.

Así, no primeiro caso analizarán o traballo desenvolvido na eliminación dos obstáculos transfronteirizos a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira. No segundo caso participarán o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e presidente da cámara municipal de Chaves, Nuno Vaz. Ademais, para tratar a situación desde Tui, O Rosal, A Guarda e Salvaterra, na conferencia intervirán o concelleiro do BNG en Tui, Xosué Campos; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o portavoz municipal do BNG na Guarda, Anxo Baz; e a portavoz municipal do BNG en Salvaterra, Patricia Mariño. Finalmente, xunto a Ana Miranda, o ex técnico da Eurocidade de Cerveira – Tomiño, Xabier Macías, exporán as conclusións da xornada de traballo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG