BNG constata que o sobreprezo do Álvaro Cunqueiro superou os 470 M€ polos beneficios inxustificados da concesionaria

Montse Prado e Juan Carlos Aladro
Montse Prado e Juan Carlos Aladro

Montse Prado denuncia que houbo unha redución de espazos e servizos non sanitarios que non supuxo rebaixa na factura que se pagou á empresa

Insiste en que había alternativa ao modelo público privado do PP porque, tal e como indica Contas, este tamén comprometeu o gasto corrente do Sergas

A deputada do BNG Montse Prado constatou durante a comisión de investigación sobre os chanchullos do PP que o sobreprezo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo superou os 470 millóns de euros que sinala o Consello de Contas respecto ao custo, só da obra, segundo a modalidade público privada escollida pola Xunta, que licitou conxuntamente construción e servizos sanitarios.

Na súa intervención tras escoitar o conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, a deputada nacionalista subliñou así o sobrecusto para as arcas públicas, e os beneficios para a concesionaria,  que supuxo non ter cumprido o proxecto inicial do hospital. Tal e como constata o informe de fiscalización do Consello de Contas, a superficie construída do edificio do hospital prevista no proxecto básico sufriu unha diminución de 15.246 metros cadrados cando se redacta o proxecto de execución, e en execución de obra a redución chegou aos 21.858 metros cadrados. Porén, a rebaixa na superficie non supuxo rebaixa no pago da Xunta á concesionaria.

“Iso son moitos metros de formigón, moitos metros de ladrillo, moitos metros de aluminio”, asegurou Prado, cuantificando en “polo menos 33 millóns de euros” o que supuxo de aforro a redución da superficie sen que a administración tivese contraprestación. Tampouco houbo rebaixa, engadiu, no custo de prestación dos servizos non sanitarios, pois, “a menos superficie, menos metros de limpeza, menos roupa de lavandería e menos comidas que servir”, dixo, lembrando que tamén houbo un recorte de 500 camas respecto ao inicialmente previsto (estaban contempladas 1.500 e hai unha media de 900).

No mesmo sentido, Prado referiuse á actualización do canon que recibiu a empresa concesionaria pola construción. “É como unha hipoteca e, polo tanto, a súa actualización non é o normal”, afirmou, engadindo que “a caixa rexistradora da empresa non deixou de funcionar”. Referiuse tamén ao “negocio” que supuxo a Oficina Técnica de Seguimento do hospital, á que a concesionaria destinou só 430.000 euros dos 4 millóns previstos.

Durante a súa intervención, a portavoz parlamentaria de Sanidade insistiu en que a alternativa ao modelo escollido polo PP era factible, malia o contexto de crise económica. Explicou, neste sentido, que coa adxudicación feita o gasto corrente do Sergas quedou igualmente comprometido. Argumentou, sobre esta cuestión, que o propio Consello de Contas, no seu informe de fiscalización da Conta Xeral do Sergas de 2011 apunta que os créditos comprometidos ese ano para exercicios futuros “presentan un incremento do 448 %” (54 % en gastos correntes) e que ese aumento “concéntrase nos compromisos derivados do contrato de concesión de obra para a construción e explotación do Novo Hospital de Vigo (1.329 millóns de euros para os exercicios 2014-2033) e o contrato da central loxística”. “Estes contratos absorben o 82 % do total dos compromisos futuros do organismo”, sinala o informe ao que aludiu Prado.

A deputada nacionalista destacou, por outra banda, que foi a Xunta, e non a empresa concesionaria, quen asumiu o risco financeiro da obra pois, lembrou, mesmo a ex conselleira Rocío Mosquera recoñeceu na comisión de investigación que a Administración galega tivo que recorrer ao Banco Europeo de Investimento e a fondos do ICO para dar “robustez” o financiamento. “Quen aparece como prestataria nos informes do BEI é a Xunta, non a concesionaria”, apuntou.       

O PP segue ocultando documentación

Pola súa parte, o viceportavoz nacionalista, Luís Bará, volveu denunciar “a ocultación de documentación” por parte do PP, que está utilizando “todo tipo de tretas” para dificultar a investigación obxecto da comisión, “vetando” o acceso á información relativa, por exemplo, aos contratos do Sergas coas empresas Universal Support, Mape Asesores e Sibucu 360, vinculadas con familiares de altos cargos do Partido Popular.   

Bará advertiu que o BNG segue esperando polos expedientes completos que solicitou en reiteradas ocasións sobre estas contratacións, o que evidencia como o PP “vulnera o regulamento do Parlamento e os dereitos dos deputados e deputadas” a acceder de xeito directo á documentación.

“Se non hai ningún problema e fixeron todo de marabilla, que problema hai en facilitar eses expedientes? Que están ocultando?”, reprochou ao titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a quen afeou que “non respondera ningunha pregunta” das que lle formulou e, sen embargo, si emitira “xuízos de valor e apreciacións absolutamente subxectivas e sen ningún fundamento”, convertendo a súa comparecencia, primeiro “nunha rolda de prensa” e despois “nun mitin” do PP.   

O viceportavoz nacionalista explicou que, segundo a información do BNG, o Sergas adxudicou 19 contratos directos nos anos 2020 e 2021 por importe de 15,3 millóns (10,8 millóns en sete contratos só entre maio de 2020 e outubro de 2021 por labores de rastrexo da Covid) a Universal Support, empresa da que era director comercial o cuñado do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cuxa comparecencia, recalcou, foi vetada por un PP que si chamou a declarar ao presidente de Cataluña.

Bará tamén se referiu a Sibucu 360, empresa tamén sen relación co sector sanitario beneficiada igualmente con contratos millonarios adxudicados a dedo durante a pandemia, e a Mape Asesores, empresa para a que actuou como intermediario a parella sentimental da presidenta da Comunidade de Madrid, Alberto González Amador, quen obtivo un “pelotazo” de dous millóns de euros. 

Neste sentido, recordou que o PP tamén vetou as comparecencias tanto do propio González Amador, como de Fernando Camino, socio do anterior e administrador de Mape Asesores, así como do principal accionista da compañía, Gumersindo Cachafeiro, quen afirmara no seu día considerarse vítima dunha “estafa”.

Por todo isto, volveu pedir a Gómez Caamaño, como actual conselleiro de Sanidade, o seu compromiso para entregar a documentación solicitada polo BNG, sen obter resposta algunha, o que evidencia como o PP acode “co seu guión” á comisión de investigación na que impuxeron o seu plan de traballo e na que, por riba, pretenden decidir de que ten que falar a oposición e sobre que lle ten que interpelar aos comparecentes.    

“Vostedes son uns monicreques políticos do que lle din dende Madrid a señor Ayuso e o señor Feijóo, que son os que deciden quen pode vir a comparecer aquí e que documentación poden dar”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG