O BNG defenderá no Pleno da próxima semana unha iniciativa para exixir ao Goberno galego que garanta condicións de habitabilidade mínimas que aseguren vivendas “dignas, adecuadas, sostibles e accesibles” ás persoas menores de 36 anos, renunciando así á “proposta estrela” do PP, que quere promover “hostels onde o espazo privativo se reduce a apenas 30 metros cadrados e o resto son espazos comúns”.
“A mocidade galega ten dereito a unha vivenda digna e accesible, non a emanciparse nun albergue cos colegas”, asegurou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces na que se aprobou a orde do día do Pleno da semana que vén. Un Pleno que o BNG afronta con iniciativas cun marcado carácter social, pois xunto á proposición non de lei da vivenda para a mocidade presentará outra para mellorar as axudas ás familias acolledoras de menores.
En concreto, o Bloque vai demandar o incremento das axudas para estas familias con obxectivo de axustalas ao custe real da crianza e para promover o acollemento familiar fronte á institucionalización de menores nos centros. Segundo explicou Rodil, o que reciben hoxe as familias acolledoras “non só é insuficiente para atender as necesidades das nenas e nenos senón que ademais as axudas vanse recortando a medida que medran as crianzas, cando é precisamente ese o momento en que máis se incrementa o custe”.
En relación tamén coa atención á infancia, o Bloque reclamou na reunión da Xunta de Portavoces a comparecencia do Goberno de Rueda para dar explicacións no Parlamento pola renuncia a 22 millóns de euros de fondos europeos destinados á ampliación das prazas públicas de escola infantil. Unha renuncia que, lembrou a deputada nacionalista, o PP xustificou en que “non podían drenalos á privada”.
“É un escándalo pero tamén moi clarificador de cal é o modelo do PP en servizos sociais, privatizando e drenando cantidades inxentes de diñeiro público para cebar o negocio dun puñado de empresas”, asegurou Rodil, que acusou o PP de “non querer levantar nin unha soa praza pública máis, nin en escolas infantís, nin en residencias de maiores”.
Neste punto, lembrou que os datos oficiais recollidos polo Consello Económico e Social apuntan que en Galiza as prazas públicas en escolas infantís, sumando as da Xunta e as municipais, cobren só o 28 % da poboación de 0 a 3 anos. Tendo en conta tamén a iniciativa privada, o rateo é do 50 %, polo que “a metade da poboación de 0 a 3 anos non ten nin sequera unha praza, nin pública, nin privada, nin medio pensionista”, ironizou.
Malia o veto do PP á comparecencia da conselleira de Política Social para falar deste asunto, o BNG levará a debate o modelo privatizador do PP mediante unha interpelación ao Goberno sobre a as residencias para os maiores.
Modelo depredador: Altri e mina de Touro
Na sesión de control ao presidente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará a Alfonso Rueda “se vai desistir de colocar a macrocelulosa Altri no corazón de Galiza” tal e como lle reclaman milleiros de persoas a longo e ancho do País, adiantou Rodil, lembrando que este mesmo domingo hai convocada unha nova manifestación en Santiago.
A líder nacionalista emprazará ademais o presidente a escoitar os sectores produtivos da Ulloa, que promoveron un manifesto en contra de Altri encabezado polas denominacións de orixe Arzúa-Ulloa e Tetilla, polo Craega, asociacións en defensa do Camiño de Santiago produtores da zona. Pediralle, así mesmo, que atenda o que lle están a dicir dende a Plataforma na Defensa da Ría de Arousa os expertos científicos do Consello da Cultura e das universidades que advirten do enorme impacto que tería a instalación dunha “auténtica bomba ambiental” no corazón do País.
En relación ao “modelo depredador” que o PP leva anos aplicando en Galiza, o Bloque tamén preguntará no Pleno do Parlamento pola nova autorización que o PP lle deu á Mina de Touro-O Pino para ser explotada de novo por Cobres San Rafael.
Voto en contra dos orzamentos
Noutra orde de cousas, Olalla Rodil adiantou que o voto en contra do Bloque aos orzamentos da Xunta para 2025 e á Lei de Acompañamento despois dunha tramitación na que “o Partido Popular demostrou o talante e a concepción que ten da pluralidade e da representatividade do resto das forzas políticas, do diálogo e da capacidade de consenso”, dixo aludindo ás “cero emendas” do BNG, que lidera a oposición, aceptadas polos populares.