O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, vén de rexistrar un escrito dirixo á Mesa da cámara baixa para exixir o desbloqueo da tramitación para a transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza. Rego demanda aos grupos que compoñen o órgano do Congreso a asumir o mandato que, por quinta vez, reclama a cidadanía galega e defende a necesidade de rematar co prazo de emendas para comezar a súa tramitación para ter o máis axiña posíbel aprobado o texto lexislativo.
Após a reunión da Mesa do Congreso que decidiu aprazar por décimo sexta vez a data límite para o rexistro de emendas, a organización nacionalista vén de rexistrar un escrito para demandar que, durante a vindeira reunión do órgano da cámara baixa, dea por finalizado o prazo e permitir que o texto poida iniciar o seu debate. Unha cuestión, a transferencia da titularidade e competencias desta infraestrutura á Galiza que é a quinta vez que o Parlamento de Galiza demanda: “por primeira vez, en 2016; por segunda, en 2017; por terceira, en 2018; por cuarta, en 2021 e por quinta e última en 2024” lembra.
“A Mesa non debe conceder unha nova prórroga para a presentación de emendas e permitir que o texto poida iniciar o seu debate o máis axiña posíbel” afirma Néstor Rego. Máis, recorda o deputado nacionalista, cando o BNG -xunto con EH Bildu e ERC- solicitou á Mesa do Congreso que esta Proposición de Lei se tramitase polo procedemento de urxencia, dous días despois de que o pleno do Congreso votase favorabelmente a súa toma en consideración o pasado 11 de xuño.
Así mesmo, o pasado 9 de outubro o pleno da cámara baixa aprobou unha moción consecuencia de interpelación rexistrada e defendida polo deputado do BNG, Néstor Rego, que, entre os seus puntos, o Congreso manifestaba o seu compromiso “para impulsar a tramitación da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9), promovida pola unanimidade do Parlamento de Galiza, á Comunidade Autónoma galega”.