BNG responsabiliza á Xunta de non ter preparado o territorio ante os lumes do verán que confirmaron unhas “políticas fracasadas”

María Albert
María Albert
María Albert recrimina ao conselleiro do Medio Rural a ausencia de prevención e a precarización do servizo de prevención e defensa contra os incendios  

A portavoz nacionalista de Montes, María Albert, responsabilizou á Xunta de que “o territorio non estea preparado para dar resposta aos focos de lume” do verán que, segundo recalcou, supuxeron que ardesen en tan só 45 días máis de 43.000 hectáreas en Galiza. “É a súa responsabilidade única, señor conselleiro”, reprochou no Parlamento galego ao titular do Medio Rural, ao que acusou de “non xestionar o territorio, de abandonar o interior, de vivir da propaganda, de non facer a prevención axeitada, de incumprir a súa propia Lei de Montes e non respectar as distancias de plantacións, de ter precarizado o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e de non ter operativas as brigadas municipais”.

“Son responsables, en resumo, dunhas políticas fracasadas”, incidiu para engadir a continuación que o problema dos incendios en Galiza non é un problema de orde público como pretende o Executivo do PP, senón que “o drama dos incendios é o abandono absoluto no que está o territorio, deste mundo rural desmantelado que o PP e o Goberno galego decidiu esquecer e seguen a face logo de gobernar a Xunta durante a maior parte da súa existencia”. Neste sentido e logo de insistir en que os maiores incendios deste verán non foron provocados por pirómanos, apuntou ao medio millón de hectáreas aptas para aproveitar sustentabelmente de forma multifuncional e que, na actualidade, “non son produtivas ou están forestadas ilegalmente”.

Albert cuestionou ao conselleiro os “erros de coordinación nos lumes máis grandes e agresivos da historia”, as deficiencias no servizo de prevención e defensa contra os incendios -en medios e sobre todo en persoal- e os problemas de xestión, erros que considerou “estruturais” e que, polo tanto, obrigan a falar de “neglixencia”. Así, cualificou de “neglixente” que o servizo estivese en cadro, que as brigadas municipais non estivesen incorporadas a mediados e finais de xullo e que o PLADIGA prevea a incorporación destas brigadas, que teñen por labor principal a prevención en tempada de alto risco. Así mesmo, reprobou a política de “propaganda e escaparate” fronte a unha realidade que evidencia a “falta absoluta de prevención fronte ao que todos os indicadores dicían que podía ou ía acontecer”.

Sobre a recuperación do territorio, a deputada nacionalista amosou a preocupación do BNG ante “a evidencia de que non teñen previsto mudar nada e non asumen erros” e, nesta liña, criticou que o Executivo do PP siga coa súa propaganda “mentres non fixeron até o de agora ningún traballo de consolidación e mantemento das zonas ardidas”, entre as que citou as situadas en Valdeorras e no Courel.

Por último, tamén reclamou unha reformulación dunhas liñas de axudas “necesarias, insuficientes e que non se axustan á realidade do interior de Galiza”, dado que moitos particulares non se poden acoller a elas, o que implica que “boa parte do territorio e das vivendas afectadas non poden ser recuperadas”. “Se non levan a cabo unha reformulación están, na práctica, condenando ese territorio ao abandono definitivo ou ao que vostedes gostan, á súa cesión a grandes empresas”, concluíu.  

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG