BNG require ao MITECO recuperar como ben público a Illa da Creba

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda información sobre as obras realizadas por particulares sen autorización en dominio público marítimo terrestre e que terán un gran impacto ambiental

O deputado nacionalista urxe comezar a tramitación para recuperar a illa e reclama unha calendarización do proceso a través de accións determinadas

Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso distintas iniciativas nas que reclama ao Goberno do Estado que adopte as accións precisas para recuperación da Illa da Creba para uso público por estar situada en dominio público marítimo-terrestre. O deputado do BNG na cámara baixa pregunta sobre a realización de distintas obras por parte dun particular na illa así como medidas adoptadas frente a esa apropiación polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A Illa da Creba está situada na Ría de Muros-Noia e pertence ao Concello de Muros. Cunha extensión aproximada de 7.5 hectáreas, a súa titularidade e uso foron obxecto de debate -así como de conflito xurídico e administrativo- ao longo dos últimos 100 anos despois da apropiación aparentemente irregular por parte de varios particulares. Cabe destacar por exemplo que as inscricións da titularidade realizáronse no Concello da Serra de Outes e non no de Muros, situación certamente anómala.

O presunto propietario da Illa ven de desenvolver hai pouco obras e actuacións na illa que afectan directamente sobre o dominio público marítimo-terrestre e que mesmo alteraron a orografía da illa. “Destaca a construción dun espigón no mar en contra do criterio científico da Xunta de Galiza que entendía que esa obra tería un impacto negativo sobre o banco marisqueiro situado preto da illa” subliña o deputado do BNG. Neste sentido, Rego pregunta ao MITECO se ten coñecemento da realización destas obras e demanda copia dos informes e licenzas que constaten que as obras se axustaron á legalidade vixente e que contaba coas autorizacións e licenzas pertinentes.

“De non ser así, o Ministerio debería abrir unha investigación co correspondente expediente sancionador e exixir reposición da legalidade” reclama o deputado. Segundo as informacións obtidas pola organización nacionalista, a día de hoxe, non consta ningún tipo de autorización administrativa ou licenza para a edificación da vivenda, unha segunda residencia, nin do resto de elementos construtivos e obras que alteraron a contorna física da illa. “Todas as construcións, previsibelmente, foron desenvoltas sen ningunha licenza urbanística e recaeron sobre terreo público” destaca.

Ademais, acometéronse obras de construción e cimentación de vías en todo o perímetro da illa, así como valados sobre o mar e accións de repoboación forestal con especies non autóctonas. Resulta evidente que os ocupantes da illa proxectan realizar novas obras pois “É posíbel comprobar cunha simple ollada como na actualidade existen elementos e material de construción para a realización de máis actuacións na Illa da Creba” alerta Rego.

O BNG reclama a intervención das distintas administracións para defender a titularidade pública illa e que se sumen ao amplo movemento popular que reivindica a Illa da Creba como un ben público. Illa que xa foi catalogada como “espazo natural protexido” por Resolución do 22/01/1990 no Plan da Coruña. “O BNG quere coñecer que medidas vai adoptar o Ministerio para a recuperación de oficio da posesión de uso e dominio público, así como os prazos  en que se realizará a recuperación da Illa da Creba para o uso e goce da cidadanía” reivindica Néstor Rego. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG