parlamento galego

BNG reprocha a Educación que gran parte do alumnado non poida continuar a súa formación tras suprimir 2.000 prazas presenciais en FP e pide que rectifique

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas teme que a decisión responda ao interese do Partido popular para beneficiar a centros privados

A deputada  criticou que a  Directora Xeral de Formación Profesional  cualificara de simple  “polémica” a supresión de 2.000 prazas presenciais e  insultar ao alumnado e profesorado afectado

A través dunha pregunta parlamentaria sobre as previsións da Xunta de Galicia respecto da oferta educativa en Formación Profesional e da diminución da modalidade da docencia presencial en favor da telemática, a deputada do  BNG reprochou a Educación que a súa decisión está a provocar que miles de persoas non poidan continuar coa súa formación tras suprimir 2.000 prazas presenciais en Formación Profesional.

Na súa intervención, a  nacionalista utilizo o seu propio teléfono móbil para ilustrar, a través dunha gravación, a  testemuña dunha alumna denunciando a imposibilidade de continuar cos seus estudos polo que foi chamada á atención pola presidenta da Mesa da Comisión de Educación e obrigada a parar a emisión da mensaxe. Para a deputada, esta  recriminación supón un “veto” e negar “a voz” a unha persoa que tenta explicar a súa situación. Queixas reiterou que trasladara a súa queixa onde corresponda  para denunciar “o desamparo da sociedade e os dereitos dos deputados e deputadas a poder realizar o seu traballo”.

A voz recollida no audio, explicou a nacionalista, é a dunha alumna á que se lle rescinde asistir á formación presencial en diferentes ciclos de FP porque Educación acaba de decidir "unilateralmente” e a final de curso prescindir desta formación para substituíla pola formación on line e a distancia.

A deputada recalcou que a formación telemática non pode substituír á formación presencial porque “exclúe” a unha parte importante do alumnado e dende o BNG   preguntámonos como o Partido popular pode poñer en marcha unha medida que cambia “a excelencia pola exclusión” e a  pesar de contar con 900 millóns de euros da Estratexia Galega de FP para o bienio 22-24 e fondos para a recuperación e resiliencia. Neste sentido,  preguntou  a que  dedican estes recursos públicos  porque os centros cada vez contan con menos orzamentos para equipamentos e gastos correntes obrigando ao alumnado a mercar a maior parte do material.

A deputada indicou que o propio profesorado xa se pronunciou afirmando que a formación on line  non garanta a permanencia do alumnado nin o éxito académico. “De 50 persoas matriculadas, no mellor dos casos, poden chegar a rematar 10”, firmou.

Por outra parte destacou as dificultades da formación a distancia e a discriminación que conleva que  unha gran parte do alumnado “quede vendido” ao non poder acceder a formación presencial modular, por exemplo en automoción.

A deputada considerou que unha das razóns da supresión presencial pode estar relacionada con “intereses privados” polo que pediu á Directora Xeral de FP, María Eugenia Pérez Fernández que fixera públicos os datos sobre os ciclos  autorizados en centros privados. “Agardamos que os fondos europeos sexan destinados de maneira correcta e non para beneficiar a centros privados”, aseverou.

A FP  en mans privadas

A medida do PP responde a “un modelo discriminador” polo afán “privatizador” do Partido popular como xa aconteceu nas etapas educativas. Os prazos de inscrición remataron na pública o 5 de xuño pero na privada continuará até os meses de setembro e mesmo outubro.  O PP, dixo, a deputada,  é o líder da “cultura da cancelación” e o que están anulando de forma presencial vai ser posible na privada. A Formación Profesional   “non a estudará quen queira senón quen poda pagala”, sentenciou

Na súa intervención  lembrou que non se poderá estudar en ningún centro público de Galiza  o ciclo superior de Interacción social nin o de Promoción da Igualdade de xénero pero si en colexios privados coñecidos mesmo por segregar por sexos.

Debate bronco entre Queixas e a responsable de FP

Tras a intervención da Directora Xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez Fernández que  cualificou a medida de  “simple polémica ”, a parlamentaria do BNG acusouna de estar “moi distanciada” da sociedade e do alumnado e profesorado da FP.

Coa súa intervención, dixo Queixas, vostede insulta ás persoas que están sufrindo un “revés fundamental” na súa vida persoal e resulta un  “insulto á intelixencia” de todas esas persoas obrigadas a abandonar a súa formación.

Vostede hoxe,  dedicouse a insultar e defender unha medida “excluínte” e denominar de “simple polémica” ás miles de sinaturas recollidas polo alumnado é “unha falta de respecto” pero sen embargo, “non considera polémico non responder a ningunha das cuestións que lle formulamos”, preguntas que ademais coñece con moita  antelación.

Mercedes Queixas anunciou que o BNG continuará rexistrando iniciativas para que Educación rectifique e “a muller do rural gravada no meu móbil, cuxa voz foi vetada na miña primeira intervención poida cumprir a súa aspiración de continuar formándose para acceder ao mercado laboral”.

Os datos non menten, e para este curso vostedes ofertan 3.207 prazas presenciais e no curso pasado ofertaban 4.408. No BNG a diferencia do PP sabemos sumar e restar pero vostedes, remarcou, “só saben restar”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG