BNG censurou con severidade na comisión parlamentaria de control da CRTVG a entrevista á deputada do PP no Congreso Cayetana Álvarez de Toledo emitida en marzo pola televisión pública galega, “unha das máis escandalosas das realizadas pola TVG”, segundo recriminou a deputada nacionalista María Albert, quen advertiu unha vez máis da “carreira sen fin cara o deterioro informativo irreversible” na que se atopa inmersa o ente público.
Albert reprobou os nada máis e nada menos que 20 minutos de entrevista a Álvarez de Toledo, quen “nin se presenta ás eleccións galegas, nin é representante política deste país, nin sequera se presentou ás eleccións catalás e, de feito, é deputada do PP no Congreso dos Deputados”, criticou, logo de escoitar as escusas, “máis ben baratas”, do director da CRTVG, para xustificar a entrevista con motivo dos comicios en Cataluña.
“Unha deputada do PP no Congreso para analizar durante 20 minutos un proceso electoral que non é o noso, no que nin sequera participa e no que, ademais, o seu partido obtivo unha representación de tres deputadas tendo que estar no Grupo Mixto?”, inquiriu, para engadir a continuación cun argumento rotundo: “e se a entrevista se celebrou despois das eleccións e non antes como, por riba, estaba prevista, como é que non se lle preguntou polo resultado electoral?”.
Nesta liña, afeou ao director dos medios públicos galegos o seu “cinismo” para argumentar “cousas nas que estou segura que vostede non cre” porque, segundo subliñou, “é imposible que vostede poida crer cousas que está a dicir”, logo de lembrar que houbo que esperar ata o 21 de abril para poder ver no mesmo espazo da televisión pública galega “unha entrevista á líder da oposición neste país, Ana Pontón”.
A deputada nacionalista tamén fixo fincapé no feito de que a conversa televisiva con Álvarez de Toledo se tivese desenvolvido integramente en castelán, “tal e como pediu a entrevistada”, e que os temas abordados non fosen precisamente as eleccións en Cataluña, empregadas como pretexto, senón outros tan significativos como a precampaña das eleccións á Comunidade de Madrid. “Pero é que ademais, esta señora non só falou da precampaña madrileña, senón que ocupou boa parte dos seus 20 minutos a facer proselitismo da ideoloxía máis reaccionaria e de ultradereita deste Estado”, recriminou. “Pedímoslles unha vez máis que abandonen este camiño -exixiu-; están a esnaquizar, de xeito irreversible, a credibilidade da nosa televisión pública”, concluíu.