O BNG levou ao Pleno do Parlamento a situación “de indecencia política”, denunciou a deputada por Ourense, Noa Presas, provocada polo presunto delito reiterado contra a seguridade viaria cometido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “que hoxe é arroupado por un Partido Popular que se cre impune”, criticou.
“Vergoñento o de Baltar e vergoñento o goberno de Alfonso Rueda, porque vostedes danan as institucións e a súa calidade democrática evitando condenar estes feitos” acusou ao vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, ao que reprobou “a súa tolerancia co uso para fins privados dun coche público”, recriminou Presas, que incidiu no feito “de que aínda non sabemos a que ía o señor Baltar ese domingo a Madrid”.
“Só actúa así quen está acostumado a facelo. Mentiu, é reincidente e ten alomenos tres multas por exceso de velocidade”, lembrou a deputada ourensá, que sinalou ao PP como o “responsables da actitude do señor Baltar e non son capaces de pedir a súa dimisión, non teñen peso político para facelo”, reprobou, e aproveitou para recriminar ao Goberno Rueda “o moito que teñen vostedes en común co señor Baltar, séntense impunes, mais non estamos na Idade Media, as institucións non son a corte privada do PP”, reprobou.
Fronte un Calvo “escaso” en respostas, Presas criticou “que non sexan quen nin de esgotar o tempo para render contas neste Parlamento a un Baltar que minte públicamente”. Cualificou de “desconsiderada” a política dun PP nunha Deputación coñecida por ser a deputación “que máis fiscalizacións duras recibe polo Consello de Contas e coñecida polo seu comportamento caciquil durante décadas”, remarcou.
Presas concluíu demarcando o tema a nivel nacional, porque “este é un problema de País, non dunha cidade. Baltar é inxustificable, e con el o que está a ocorrer tamén no Concello de Ourense cun alcalde colocado polo Partido Popular”, dixo en referencia a Pérez Jácome, actual alcalde de Ourense.