A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para falar de rexeneración democrática, interpelando ao presidente da Xunta pola democracia de baixa calidade que o Partido Popular impón en Galiza coas súa prácticas de “caciquismo 2.0”, en particular a raíz do último escándalo protagonizado polo presidente do PP en Ourense e pola situación creada polo tándem Baltar-Jácome.
Neste sentido, a líder do Bloque cualificou de “”vergoña” que Alfonso Rueda “desculpe ao presidente do PP de Ourense despois de ser cachado un domingo conducindo a 215 km/h nun coche oficial pagado con fondos públicos e convertido nun perigo para outras persoas”. “Iso non é democrático, é unha vergoña”, sentenciou Pontón, quen acusou ao xefe do Executivo de “permitir que Baltar arrastre pola lama a imaxe de Ourense e a de Galiza, rivalizando con Jácome”.
“É vostede moi bravo co BNG pero trémenlle as pernas ante o señor Baltar e tanto é así que non se atreve a abrir a boca pese a que ten ao presidente do seu partido en Ourense sentándose ante a xustiza acusado dun delito contra a seguridade das persoa. Iso non é democrático señor Rueda é unha vergoña”, declarou Pontón. “Galiza non pode ter un presidente sen autoridade que xustifica feitos delictivos como os de Baltar, e quen no é capaz de dirixir o seu propio partido porque non ten autoridade, non está capacitado para dirixir Galiza”.
Fronte ao “caciquismo 2.0” que practica o Partido Popular e que impón unha democracia de baixa calidade, “o meu compromiso e o de todo o BNG de poñer en marcha unha nova Galiza cunha democracia de primeira porque é o que merecen os galegos e as galegas”, subliñou. Unha democracia hoxe deteriorada que a líder do Bloque describiu na sesión de control poñendo no debate exemplos que van desde o control dos medios públicos ao reparto clientelar dos fondos destinados aos concellos.
“Usar a TVG pola que pagamos 113 millóns de euros como se fose o gabinete de propaganda do PP non é democrático señor Rueda, é unha vergoña; boicotear o labor de control do goberno vetando documentación como os contratos asinados con Eulen, a empresa que dirixe a irmá do señor Feijóo, non é democrático, é unha vergoña; vir a este Parlamento cada mércores á sesión de control sen contestar nunca a nada do que se lle pregunta non é democrático, é unha vergoña e facer unha distribución clientelar dos fondos do Plan Hurbe, -57 dos 58 convenios asinados corresponde a concellos do PP-, non é democrático señor Rueda, é unha vergoña”, argumentou Pontón.
A líder do Bloque concluíu a sesión de control lembrando que foi o PP quen colocou a Jácome na Alcaldía de Ourense, “a cambio de conservar a poltrona de Baltar”, e que foi o PP que impediu que prosperase unha moción de censura para destituír ao actual rexedor, “por iso é o Partido Popular o máximo responsable da dexeneración democrática que vive a cidade”.