A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou unha pregunta parlamentaria ao Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo sobre a creación do Estatuto profesional e o Consello de Informativos como marca a Lei do ano 2011. Rodil criticou que, “tras unha década”, non existen estes instrumentos na CRTVG, a diferencia da RTVE, EiTB, TV3 que cumpren coas recomendacións internacionais de gobernanza e medios públicos.
Na súa intervención, a nacionalista lembrou que este mesmo mes, cumprense 200 "Venres negros", 1.460 días e case “catro anos de mobilizacións”. Nunca antes se producira no seo dos medios públicos “unha mobilización tan prolongada no tempo”.
Rodil, aproveitou a pregunta para relatar o acontecido dende o ano 2018 no que os traballadores e traballadoras da CRTVG, uníanse á campaña ‘Venres Negro’ de RTVE para reclamar “a creación do Consello de informativos previsto desde 2011 na Lei de medios públicos audiovisuais de Galiza e o cesamento da manipulación informativa”
A mobilización, explicou a nacionalista, iniciouse poucos días despois de que a dirección da CRTVG anunciase a supresión das desconexións locais nos servizos informativos da Radio Galega e do Diario Cultural no formato que mantiña desde 1990. Ao seu xuízo, “un paso máis no progresivo desmantelamento do servizo público” coa desaparición de boa parte da programación cultural como: Aberto por reformas, Planeta Furancho, Onda Vital, Alalá, Libro Aberto, Onda Curta, Planeta Cine ou Eirado, ao que sumou o peche das delegacións territoriais da Mariña, Ferrol e Pontevedra en 2010.
En xullo de 2018, dúas das caras máis recoñecibles dos informativos da TVG, Tati Moyano e Alfonso Hermida presentan a súa dimisión por "razóns profesionais" e "discrepancias coa liña informativa". A CRTVG abre expediente a Tati Moyano por participar nunha gala benéfica contra o cancro na que vestiu de negro e reivindicou a loita das/os traballadoras/es da CRTVG diante do presidente da Xunta. A abertura do expediente ameazou a Moyano co despedimento pero 500 traballadoras/es da CRTVG asinan un documento no que exixen o arquivo do expediente, como finalmente acontece en outubro de 2018.
En Setembro de 2018, tiña lugar a primeira manifestación promovida por traballadoras/es da CRTVG, un feito inédito até o momento en máis de 30 anos de historia da Corporación. “Denuncian o inmobilismo da dirección da CRTVG, tras catro meses de protestas e o control político dos medios públicos por parte da Xunta”.
A deputada continuou secuenciando o acontecido estes anos no ente público destacando os expedientes a varios xornalistas pola súa participación activa nos Venres negros. No mes de decembro do 2018 ten lugar a folga (19D) cun apoio masivo “malia servizos mínimos abusivos” que serían anulados posteriormente polo TSXG. En febreiro do 2019, a xornalista, Marga Pozos e retirada das tarefas de redacción para locutar informacións. O comité denuncia un novo caso de represalias contra persoal da CRTVG que participa nos Venres Negros e Defende a Galega.
Este mesmo ano, “a dirección da CRTVG intenta acalar os Venres Negros cunha comunicación interna na que ‘lembra os criterios de vestimenta’ que debe cumprir o persoal”. Trátase dunha circular que a dirección xa fixera pública en 2013 con motivo das mobilizacións das e dos profesionais fronte á manipulación informativa.
Rodil tamén aludiu ás campañas electorais de 2019 (municipais, europeas e dúas convocatorias ao Parlamento español) con “debates ás 10 da mañá e fora do prime time” como obxecto de “negar á cidadanía poder contrastar as propostas e proxectos políticos”. De feito, a audiencia do debate do 8N foi de 13.000 persoas, -segundo datos facilitados por Sánchez Izquierdo na súa comparecencia-, cifra que choca coas grandes audiencias acadadas polas televisións públicas na emisión territorial dos debates en Cataluña, - con 643.000 espectadoras-, ou Euskadi, -cunha audiencia de 316.000 persoas-.
No ano 2020, durante a pandemia, o Parlamento galego non existe, agás o “omnipotente presidente da Xunta”, a CRTVG vulnerou a lexislación electoral e silenciou á portavoz nacional do BNG.
En Decembro de 2020 faise pública a Sentenza condenatoria contra a CRTVG por vulnerar os dereitos fundamentais do traballador expedientado ,Carlos Jiménez.
Cando van vostedes a parar, preguntou Rodil ao Director da CRTVG. A CRTVG, recalcou a nacionalista é un medio público “que pagamos todos e todas” e non pode estar, exclusivamente, ao servizo do partido que goberna.