A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG Olalla Rodil recriminou á Xunta a súa “inacción” ante as graves irregularidades detectadas no centro de maiores “Mi Casa” no concello de Pazos de Borbén e denunciadas pola Asociación de Traballadoras de Residencias Galegas, TREGA.
A nacionalista mostrou a súa “repugnancia” por aqueles e aquelas que se aproveitan para coidar e atender ás persoa maiores amparándose na autorización da administración. Os feitos que denunciaron as traballadoras, dixo, constaban “a reincidencia da empresa” e da propietaria da mesma e pon de manifesto a urxencia ineludible de contar cun novo modelo de residencias. Nesta liña, o BNG defendeu unha proposición de Lei para “mellorar e reforzar” os servizos de inspección” creando “un corpo específico” para poder facer ese traballo de vixilancia e fiscalización e endurecer as sancións.
A deputada preguntou canto pagou esa empresa por manter “a cinco persoas escondidas nun galpón” para que non se soubese que tiñan máis xente dentro da residencia da que realmente estaba autorizada e mesmo tivo que ser requirida a intervención da Garda Civil para abrir a porta.
Vostedes, dixo Rodil, dirixíndose á conselleira de Política Social, Fabiola García, votaron en contra da Proposición de lei do BNG porque non queren “que nada mude” e mentres tanto temos que coñecer as denuncias a través de TREGA, Traballadoras de Residencias Galegas, das pésimas condición hixiénico-sanitarias das persoas usuarias precisamente pola falta de persoal de enfermería e as consecuencias por esta falta de persoal. “Eu non son capaz de ensinarlles as fotos das úlceras, non son capaz, porque me cae a alma aos pés e a cara de vergonza só de pensar que isto pasa no meu país mentres a Xunta mira para outro lado”.
Irregularidades constatadas polo servizo de Inspección, recalcou a deputada.
Para o BNG, engadiu, esta situación é o suficientemente grave como para traer esta cuestión ao Parlamento e “esixir responsabilidades á Xunta” pero é que a Residencia “Mi Casa” e sobre todo a persoa propietaria, “é unha vella coñecida por incumprir a lei e vulnerar os dereitos das traballadoras e das persoas usuarias”. Sen ir máis lonxe, no ano 2017, o BNG trouxo a situación que se estaba a vivir nesta residencia e despois de constatar o servizo de inspección que a residencia tiña máis usuarias das prazas autorizadas. “Esconderon 5 persoas nun espazo fóra da residencia pechadas baixo chave”. 63 usuarias para 58 prazas autorizadas ,”22 concertadas pola Xunta”, pagadas con fondos públicos de todos e todas.
Imaxinen unha escola infantil autorizada para 58 nenas/nenos. Chega inspección e ten que vir a Garda Civil porque teñen 5 nenos escondidos e pechados con chave para que non se saiba que están, “arde Troia” porque son nenos e nenas pero como pasou con vellos “aquí non pasou nada”, reprobou.
Dende o BNG preguntámonos que medidas vai tomar a consellería para que isto non volva a pasar, concluíu preguntando á nacionalista.