O BNG decidiu presentar un recurso ante a Xunta electoral provincial da Coruña contra o plan de cobertura da CRTVG relativo ás eleccións ao Congreso e ao Senado do 10 de novembro, que hoxe publica a DOGA, por considerar que non cumpre co deber como medio público de garantir o pluralismo político e social.
A formación nacionalista entende que nun proceso electoral á cidadanía ten dereito a maior información e contraste das alternativas políticas porque, como recolle a propia lei do ente público, este ten entre as súas finalidades “contribuír á formación dunha opinión pública informada”.
Non parece que ese sexa o obxectivo da dirección da TVG cando aproba un plan de cobertura no que se suprimen as entrevistas os e as candidatas, cando se relega á segunda canle os actos políticos de apertura e peche de campaña e cando se limita a un único debate que, ademais, se emite en horario de ínfima audiencia.
Os propio datos facilitados pola TVG deixan en evidencia até que punto son irrelevantes as cifras de audiencia dos horarios elixidos polo ente que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo. Así, na cita electoral do 28A o debate entre candidat@s emitido no mesmo horario, -programa Bos Días ás 10.00H-, obtivo unha audiencia do 2,8%; os debate das eleccións locais emitidos entre os días 13 a 22 de maio tiveron unha audiencia na TVG2 que vai do 0,1% ao 0,4%.
Niveles de audiencia irrelevantes en contraste coas audiencias que obteñen os debates na canle pública estatal ou nas canles de televisión privada, que optan por emisións en prime time e obteñen un seguimento masivo. Por exemplo, o primeiro dos debates emitido pola TVE nas eleccións do 28A acadou un 43,8% de cota de pantalla, con máis de 8,8 millóns de telespectadoras.
O BNG considera que o plan de cobertura da TVG para o 10N incumpre a normativa do propio ente e a LOREX, relegando a horarios de mínima audiencia debates e entrevistas electorais de gran interese para audiencia como así se demostra nas emisións en prime time doutras canles públicas e privadas.
Unha proba máis do control e da utilización partidista que o Goberno do PP fai dos medios públicos, convertidos nun gabinete de comunicación bis do Executivo de Feixóo, cunha manipulación abafante a favor do PP, como levan meses denunciando os e as profesionais nos chamados venres negros. “A TVG é cada vez menos televisión de Galiza e cada vez máis teleFeixóo”, sintetizou o coordinador de campaña do BNG, Rubén Cela.
O recurso do BNG pide á xunta electoral provincial da Coruña que requira á TVG á celebración de entrevistas os e as candidatas en horario e formato de máxima audiencia; que se reclame á televisión pública difundir o debate electoral en prime time da canle principal e que se demande da Radio Galega a realización de entrevistas e debates cos candidatos e candidatas das catro provincias.