O BNG reclamou máis seguridade para as persoas na estrada PO-552 ao seu paso polas parroquias de San Miguel de Oia e Saiáns. O voto en contra do PP á iniciativa defendida este xoves no Parlamento pola deputada Carmela González, volve constatar o “abandono e desprezo” no que o Goberno de Alfonso Rueda ten sometida a cidade de Vigo.
Na súa exposición na Comisión 2ª, Fernández referiuse á estrada de Camposantos, da Rede Primaria Básica da Xunta de Galiza, que une as localidades de Vigo e Tui, como “unha das principais entradas desde o oeste que absorbe gran parte do tráfico entre a cidade olívica e Nigrán-Baiona” e pola que pasan nese tramo de apenas sete quilómetros máis de 20.000 vehículos ao día, para advertir que “nestes tramos as beiravías son moi estreitas e resulta “moi perigoso para camiñar por eles”.
Ademais, a deputada aclarou que a estrada “funciona como vía interurbana xa que principalmente ten carácter urbano residencial, comercial e industrial”.
Fernández quixo lembrar que, no ano 2017, iniciouse a construción de beirarrúas e dunha senda peonil e ciclistas en tramos das parroquias de Coruxo e Oia que se engadían as xa existentes desde o comezo desta estrada ate Coruxo, así como no concello veciño de Nigrán e que estas actuacións se enmarcaron dentro do Plan de seguridade viaria de Galiza 2016-2020 “co obxectivo de reducir a grande cantidade de accidentes que se producían, e se producen, nesta estrada”.
A deputada do Bloque fixo referencia á mellora da estrada ao seu paso por Baiona. Neste senso afirmou que “o BNG non vai cuestionar ningunha actuación que mellore a seguridade nas nosas vías, pero considerou que “son actuacións que redundan noutras xa feitas” para ironizar que “non queremos pensar mal, mais parece un lavado de cara para poñer bonita a fachada da vila de Baiona de cara á temporada estival e do turismo”.
Engadiu que “na actualidade a PO-552 no tramo que atravesa os Concellos de Vigo e Nigrán conta con beiravías ou sendas peonís e ciclistas na súa totalidade, “exceptuando dous tramos, un duns 800 metros na parroquia de Oia e o outro que non chega a un quilómetro na parroquia de Saiáns.
Recriminou que estes tramos “carezan de calquera medida de seguridade viaria” que garanta a seguridade das persoas que transitan entre “coches aparcados nas beiravías”, como constatou nunha das fotos amosadas pola deputada na Comisión.
Resaltou ademais que “no tramo da parroquia de Saiáns hai vivendas a ambos lados da estrada e unha fonte pública de auga potable utilizada e frecuentada por moitas persoas” e que ao estar situada nunha curva sen visibilidade “resulta moi perigoso o acceso á mesma”.
Despois de insistir nos perigos aos que se enfronta a veciñanza, Fernández rematou especulando coa “única explicación posible” para que non se teñan completado as beirarrúas nestes dous tramos, en alusión ao “abandono e desprezo ao que o señor Rueda ten sometida a maior cidade de Galiza, un desprezo ao que as viguesas e vigueses responderon o pasado oito de febreiro situando ao BNG como primeira forza da cidade”.
“Vigo díxolle ao Partido Popular que xa estamos fartas da súa falta de política para a cidade de Vigo e seu uso partidista dos problemas das viguesas e dos vigueses. Póñanse a traballar e empecen por non discriminar a veciñanza de San Miguel de Oia e de Saiáns e por non poñer en risco a súa seguridade cando camiñen pola PO-552. Son menos de dous quilómetros, é ridículo”, rematou.