BNG reclama á Xunta que interveña ante o funcionamento irregular da comunidade de montes de Vilaxuste de Portomarín

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira urxe ao Goberno galego a facer uso das súas competencias e tomar medidas para interromper a mala praxe que impera na comunidade 

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que tome medidas para corrixir o “funcionamento irregular” da comunidade de montes de Vilaxuste, no concello de Portomarín, que, segundo denunciou a deputada nacionalista Carme Aira, está incumprindo a normativa vixente e xerando numerosos conflitos entre as persoas comuneiras sen que o Goberno galego, “que está perfectamente informado”, interveña como garante que é do seu correcto funcionamento segundo a Lei de montes veciñais en man común.

Así, Aira explicou que esta comunidade - que conta cunhas 465 hectáreas de montes comunais das que 350 están asignadas en dereitos agrarios e forestais- está integrada por 34 comuneiros e comuneiras, dxs cales unha decena dedícanse á gandería mentres que das outras, unha parte non vive na parroquia, “o cal se manifesta como unha clara anomalía xa que non cumprirían a condición necesaria para ser comuneiras, ademais de que se dedican a outras cuestións”.

De igual xeito, advertiu que a lei marca unha rotación de 11 anos de uso, algo que nunca se produciu, xa que a práctica da comunidade é a partición do monte en parcelas individuais dende os anos 80 que permaneceron con parcelas forestadas ou dedicadas á actividade agropecuaria de modo continuado. “Na práctica, na súa parcela cada quen fai o que lle peta e nunca se perde o vínculo cun determinado e concreto lugar do monte”, explicou, para a continuación subliñar que esta falta de cumprimento da normativa provoca “innumerables conflitos” sen que a Xunta interveña.

Neste sentido, indicou a existencia de conflitos derivados da falta de transparencia da xunta directiva, “que tomou decisións á marxe da asemblea da comunidade de montes, relativos á decisión de practicar talas sen ter a acta que avalara acordo para a solicitude deste permiso de corta e que derivou nunha denuncia presentada por parte de comuneiros, ao non ser tratado o asunto en asemblea”.

A deputada nacionalista subliñou que existen máis denuncias relacionadas coa distribución dos dereitos de superficie e advirte que virán máis “se non se toman as medidas que posibilita a lei e que permitirían non só interromper as malas praxes, senón tamén darlle un valor social a este monte que neste intre se lle está detraendo”.

Así mesmo, engadiu que, o feito de que se incumpra a lei en canto a que o comuneiro ou comuneira é propietaria dunha parecela e non de todo o monte, provoca que as veciñas e veciños da parroquia fagan negocio coa súa parcela “máis alá do que sería razoable, dándose situacións tan alegais como que un veciño cultive un determinado anaco e sexa outro veciño o que o declare para o cobro das axudas directas da PAC”.

“Estanse alugando parcelas por 10 euros hectárea cando había ofertas de ata 50 euros por hectárea, o que podería lerse como unha fraude xa que se tenta simular un aluguer pagando 10 euros que ben podería ser ficticio, actuando de maquillaxe para que algunha das persoas acceda a ese cacho con 5 ovellas, por poñer un exemplo, mentres se lle nega o acceso a outras persoas con 50 ou 100 vacas, o cal rompe calquera criterio de proporcionalidade e mantén secuestrado o territorio, impedindo que novas incorporacións podan acceder a ter base territorial”, alertou.

Por último, Aira subliñou que repartir sortes para plantacións é absolutamente ilegal e mantelas dende os anos 80 “tamén o é, cando o seu sería que estas reforestacións se fagan por parte da comunidade de montes “para o cal é plenamente competente, a non ser que de novo isto supoña unha maneira de simular que a comunidade non planta para evitar o plan de ordenación forestal que é preceptivo se é a comunidade a que reforesta, mais non é se se plantan parcelas de dúas ou tres hectáreas”, explicou.

“Que a veciñanza planta maiormente eucalipto, co cal se non se remedia, tamén recibirán os conseguintes ingresos individuais e privados, no canto de que os reciba a comunidade de montes”, advertiu, para recalcar a continuación que, ao igual que acontece noutros lugares do país, “a moratoria do eucalipto precipitou que se talaran pinos e se enchera o monte de eucalipto, tal e como xa saben na xefatura territorial da Xunta en Lugo dende marzo do ano pasado, xa que hai unha comunicación presentada por parte de 10 veciños e veciñas desta parroquia”.

A deputada nacionalista defendeu na súa intervención a necesidade dun novo reparto de parcelas, de xeito inmediato e polo período de 11 anos como marca a lei; a retirada inmediata aos particulares dos dereitos forestais; o levantamento das plantacións de eucalipto realizadas en zonas de uso agrario; a recuperación das parcelas plantadas en solo forestal para a comunidade de montes; o trato igualitario para todas as persoas comuneiras; a aplicación de criterios obxectivos para ter acceso particular a superficies para usos agrarios e gandeiros e transparencia na xestión e rendición de contas diante da asemblea. “É dicir, interromper a mala praxe en base á responsabilidade que a Administración ten, sexa”, concluíu.  

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG