O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que esixa á dirección do hospital Ribera-Povisa de Vigo que retome de inmediato a negociación colectiva co comité de empresa co obxectivo de asinar un novo convenio colectivo que permita mellorar as condicións do actual, conxelado dende hai 11 anos.
Nunha proposición non de lei defendida en comisión parlamentaria, a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, reprobou á Xunta que siga eludindo as súas responsabilidades por permitir que un convenio que afecta a arredor de 1.300 profesionais leve conxelado máis dunha década “cando ten un concerto millonario co Sergas”.
Logo de explicar que o último intento de negociar o novo convenio por parte do comité de empresa foi en xaneiro de 2021 sen que ata o de agora se producira ningún avance, Prado advertiu da “constante vulneración” dos dereitos laborais das e dos profesionais do centro hospitalario, coa utilización ademais do mesmo persoal para prestar a asistencia sanitaria pública e a privada, unha situación laboral que “afecta á calidade asistencial que se presta ás arredor de 130.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo, adscritas a este hospital a través do concerto do Sergas”.
Precisamente a través deste concerto, a deputada do BNG recalcou que Ribera-Povisa -dende hai dous anos en mans do xigante de seguros de saúde norteamericano Centene Corporation- é un gran perceptor de recursos públicos, máis de 80 millóns de euros anuais, o que supón arredor do 40% da totalidade da actividade sanitaria que o Sergas concerta con entidades privadas.
“Polo tanto, todo o que acontece neste centro sanitario ten que ser fiscalizado polo Sergas, incluída a situación laboral do seu cadro de persoal, os rateos ou as quendas, cuestións todas elas que inciden directamente sobre a calidade asistencial prestada”, advertiu. Ao seu xuízo, o Goberno do PP ten que deixar de actuar como “comercial dos propietarios” e actuar como “garante da calidade da atención sanitaria da poboación adscrita a Povisa”, así como velar polo mantemento dos empregos e o respecto aos dereitos laborais das e dos seus profesionais.
Neste sentido, a iniciativa nacionalista tamén recolle que a Xunta obrigue ao centro a atender ás persoas doentes que ten asignadas con rateos de calidade e de profesionais equiparables, como mínimo, á media dos hospitais públicos do Sergas, así como a realizar unha auditoría das súas contas e xestión no relativo ao concerto coa Administración galega . A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.