parlamento galego

BNG reclama á Xunta presión política para frear a avalancha de despidos e peche de oficinas do Santander en Galiza

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas recrimina ao Goberno de Feixóo por “non defender nin o emprego en tempo de crise nin aos sectores produtivos”

BNG vén de reclamar á Xunta no Parlamento “presión política para frear a avalancha de despidos e peche de oficinas” do Banco Santander en Galiza. Así o demandou a portavoz nacionalista de Economía, Noa Presas, en comisión parlamentaria ante o ERE en curso da entidade que enmarcou nunha “nova ofensiva de recortes e ERE por parte das entidades bancarias para continuar a aforrar custos coa desculpa da COVID19”.

Presas lembrou que cando no 2017 o Santander adquiría “polo ridículo prezo dun só euro o legado do Banco Popular-Pastor” había no país un total de 415 oficinas e 2.430 persoas traballando nos tres bancos. “Tres anos e pico despois no Santander estaban a traballar no remate do ano 1.777 persoas, case mil menos, e estaban abertas 234 oficinas, practicamente a metade”, advertiu, para a continuación recalcar as “consecuencias fatais para o noso país” do novo ERE asinado este pasado mes de decembro coas centrais sindicais UGT e CCOO.

A portavoz de Economía recapitulou os graves efectos provocados, coa destrución de 370 empregos máis, a externalización do emprego cara a empresas auxiliares do grupo e, segundo a denuncia das e dos propios traballadores, o peche de 79 oficinas a maiores. A isto, engadiu “os abusos intolerables durante a pandemia”, que exemplificou con oficinas pechadas e recortes nos horarios de atención ao público. “En vez de abrir máis horas, máis oficinas e ter máis persoal, fan o contrario”, recriminou.

“E a Xunta nin está nin se lle espera”, afondou, para recriminarlle que tampouco o faga “para defender o emprego en tempo de crise nin aos sectores produtivos”. Ante o que considerou un problema de primeira orde, reclamou ao Executivo do PP que reaccione -“hai marxe para a presión política”, recalcou-, pero tamén instou a que de facelo, “fágano en serio”. “Non como cando Feixóo dixo que había que investigar que acontecera co Popular-Pastor para non facer nada ou como cando o señor Feixóo deixou que Ana Botín lle tomase o pelo dicíndolle que estudaría manter a marca e os empregos para despois dedicarse a aplicar ERE tras ERE co silencio cómplice da Xunta”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG