BNG reclama o restablecemento inmediato do servizo de practicaxe para garantir a seguridade nos portos de Cee, Corme e Laxe

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Pérez denunciou que o tramo da Costa da Morte “está desprotexido” e que, 20 anos despois da traxedia medioambiental do Prestige, Galiza volve estar exposta a novos accidentes por mor da desatención do Goberno do PP

O BNG reclamou na Cámara a recuperación do servizo de practicaxe marítimo nos portos de Cee, Corme e Laxe. Alén da actividade ordinaria que presta este servizo para a entrada e saída de buques, é un servizo que ten que estar dispoñible para a capitanía marítima as 24 horas do día, os 365 días do ano para atender calquera emerxencia no mar, como é o caso de accidentes ou avarías.

O deputado bergantiñán Daniel Pérez, denunciou que a día de hoxe “a Costa da Morte carece dun servizo vital e imprescindíbel para a actividade portuaria e a seguridade no mar”, algo que o BNG leva advertindo dende o mes de marzo“ e aínda así, agora esta parte da costa está exposta a calquera accidente marítimo”, engadiu. As dúas convocatorias da Consellería do Mar para cubrir este servizo quedaron desertas, “polas condicións económicas da propia licitación”, criticou.

Pérez aludiu, ademais, ás consecuencias desta decisión na continuidade dos empregos e da actividade nas fábricas de ferroaliaxes de Xeal en Cee e Dumbría, “porque esta industria emprega, case en exclusiva, o porto de Brens, en Corcubión, para dar entrada en barco ás materias primas e dar saída ao produto elaborado”, explicou, algo que, sen unha persoa que realice a practicaxe, non poderá facer “porque ningún barco poderá entrar no porto”.

Ante a negativa do Goberno do PP a restablecer este servizo, o parlamentario do BNG acusouno de “obviar as súas obrigas respecto da seguridade marítima”. No corredor de Fisterra, detallou, hai unha alta exposición a accidentes, “xa que por alí pasan cada ano 40.000 buques e moitos levan mercadorías perigosas”. De feito, mencionou o caso do buque Sichem Formol, un gaseiro de 106 metros de eslora que navegaba en condicións adversas cunha carga de 6.000 toneladas de ácido sufúrico. “Foi o servizo de practicaxe o que reconduciu a situación do navío, xa que a axuda foi solicitada polo capitán”, alertou.

Pérez concluíu advertindo de que “20 anos despois do Prestige” unha parte da costa galega volve estar exposta. “os bombeiros non apagan lumes a diario, pero cando hai un incendio na nosa casa, queremos que acodan a sofocalo de inmediato. A seguridade marítima esixe un práctico en caso de accidente”, recriminou á Consellería do Mar.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG