A deputada Montse Prado emprazou este xoves ao Goberno do PP a iniciar o rescate progresivo das ambulancias do 061 e advertiu que cos orzamentos presentados pola Consellería de Sanidade vanse manter un ano máis as carencias dun servizo “de baixa calidade, con déficits históricos de persoal e dispositivos que colapsan por falta de vehículos e equipos humanos suficientes”.
Montse Prado defendeu unha proposición non de lei para, segundo explicou, “rematar coa falta de igualdade á hora de recibir asistencia diante dunha emerxencia, que deixe de depender da zona na que se viva e que deixen de estar penalizadas especialmente as zonas mais rurais”. “Os tempos de resposta poden marcar a diferencia entre un desenlace positivo ou un fatal”, subliñou.
A deputada nacionalista achacou a “situación de deterioro” do servizo ás decisións tomadas polo PP durante os últimos anos e, neste sentido, salientou algunhas das conclusións do informe do Consello de Contas segundo o cal no 061 “non se logra que a asistencia dos recursos se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características dos territorio” nin nas ambulancias de Soporte Vital Básico nin nas de Soporte Vital Avanzado (SVA).
Entre outros datos do informe de Contas, salientou que hai comarcas enteiras que non contan coa dotación de Soporte Vital Avanzado, como Valdeorras, Bergantiños, Baixo Miño, Barbanza ou Lalín. Ou que 137 concellos non recibiron en todo o ano ningún servizo de ambulancia medicalizada e en 198 (o 22 % da poboación) os tempos de resposta das ambulancias de soporte vital básico están por enriba do máximo establecido, chegando case a triplicar os tempos.
Falta de presuposto e un novo contrato á baixa
Diante desta situación de deterioro do servizo volven “saltar as alarmas” ao coñecer os orzamentos da Xunta para o ano 2024, sostivo Montse Prado, que explicou que o aumento previsto para as urxencias do 061 non chega aos cinco millóns de euros, unha cantidade que apenas vai chegar para cubrir os incrementos salariais dos traballadores.
Ademais, engadiu, o contrato de transporte sanitario urxente terrestre da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 xa está vencido e “con este orzamento está claro que non teñen intención de mellorar o servizo”. “Moito nos tememos -alertou ao respecto- que de novo volverán a cometer o mesmo erro: sacar un concurso moi por debaixo do que precisa o servizo e a consecuencia volverá ser unha asistencia deficitaria e que as empresas tenten axustar custes a costa das traballadores e dos traballadores”.
A proposición non de lei do BNG propuña comezar o rescate progresivo da externalización do transporte sanitario terrestre, de maneira que o servizo pasase a ser prestado de maneira directa pola Xunta o que, entre outras cuestións, permitiría destinar os case 5,5 millóns de beneficios empresariais a mellorar os vehículos e os recursos humanos, sostivo Montse Prado.
A iniciativa nacionalista instaba tamén á Xunta a elaborar un estudo sobre as necesidades de dimensionamento do servizo tanto no ámbito territorial como de recursos, para rematar cos “déficits históricos” que colapsan o servizo por falta de vehículos e equipos humanos.
A constitución dunha mesa de traballo para o rescate foi outras das cuestións defendidas por Montse Prado, que avogou así mesmo, tal e como se establecía na PNL, por convocar un novo concurso polo tempo mínimo necesario para iniciar a reversión.